5.255 persoas iniciaron en setembro Camiño de Santiago en Tui

Foron o 35% dos 14.805 peregrinos e peregrinas que en  setembro realizaron o Camiño Portugués

Os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago correspondentes ao pasado mes de setembro continúan situando á cidade de Tui nos primeiros lugares escollidos polos peregrinos xacobeos para iniciar o seu Camiño cara a tumba do apóstolo Santiago na cidade de Santiago en calquera das rutas xacobeas. En concreto, un total de 5.255 peregrinos escolleron Tui para iniciar a súa peregrinación, un 35% dos 14.805 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués o pasado mes de setembro.

A nosa cidade unicamente foi superada pola localidade lucense de Sarria, no Camiño Francés con máis de vinte mil peregrinos, e pola cidade portuguesa de Porto onde comezaron o Camiño un total de 5.736 peregrinos. Este ascenso de Porto, en relación cos pasados meses, está en relación directa co maior número de peregrinos estranxeiros polo Camiño Portugués e unha redución dos peregrinos españois.

Cabe sinalar que si a Tui sumamos os datos de Valença, que con 1.854 peregrinos ocupa a sexta posición como lugar de inicio da peregrinación xacobea, teriamos que na Eurocidade Tui-Valença iniciaron o Camiño de Santiago un total de 7.109 peregrinos no pasado mes de setembro.

O dinamismo do Camiño Portugués, que ten a súa porta de entrada en Galicia en Tui, queda acreditado polos 14.805 peregrinos que realizaron este itinerario, consolidándose unha vez máis como o segundo Camiño de Santiago escollido polos peregrinos e peregrinas, logo do Camiño Francés, e con grande distancia das outras rutas xacobeas que ocupan os seguintes lugares nas estatísticas, o Camiño da Costa con 5.444 ou o Camiño Inglés con 3.572 peregrinos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa a súa satisfacción por estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago que confirman a importancia que a nosa cidade ten no ámbito xacobeo. Esta achega dos peregrinos e peregrinas resulta de gran importancia para Tui pois contribúe ao desenvolvemento socio-económico do noso concello e converte á nosa cidade en referencia obrigada no ámbito xacobeo acollendo a peregrinos e peregrinas de numerosas nacionalidades que promoven un intercambio multicultural que enriquece a vida da nosa cidade e que constitúe un dos valores máis apreciados do Camiño de Santiago polas persoas que viven esta experiencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.