A Casa-Museo Manuel María celebra cunha gala de luxo o aniversario de Manuel María

A gala contará co dous prestixiosos músicos, o barítono, Gabriel Alonso, e o pianista, Aurelio Viribay que, alén de interpretaren as composicións finalistas do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, darán un concerto en que percorrerán a canción galega desde o XIX até a actualidade

A Casa-Museo Manuel María celebrará cunha gala de luxo, este sábado, ás 18.30 hrs, o aniversario de Manuel María, que este xoves se fan noventa e tres anos do seu nacemento. Unha gala que terá a dous músicos de primeirísimo nivel, o barítono ferrolán Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay, como intérpretes convidados que darán un concerto en que interpretarán, entre outras, as pezas finalistas do Certame Manuel María de Composicións Musicais. Un concurso este, instituído anualmente pola Casa-Museo, e cun premio en metálico de mil euros á mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

Aurelio Viribay, pianista de recoñecido prestixio internacional na música vocal de cámara, intérprete xunto a unha grande pléiade de cantantes nas principais salas de concertos europeas e profesor na Escola Superior de Canto de Madrid, e Gabriel Alonso, titulado superior en canto pola Escola Superior de Música Reina Sofía e que xa acumula unha bagaxe significativa de participación en distintos e recoñecidos festivais e producións líricas, realizarán un concerto dividido en dúas partes. Na primeira parte interpretarán as catro cancións finalistas do concurso, Orballo, A lúa, Rosas e Fisterra, compostas por Teo Montero, Teresa Bretal e Saúl Aguado. A continuación, e mentres o xurado realice a deliberación, o público asistente poderá desfrutar da presentación en concerto de No Camiño -dous séculos de canción galega, un traballo de Gabriel Alonso e Aurelio Viribay que percorre a lírica galega desde o XIX até a actualidade. Meus amores de Xosé Baldomir, Un adiós a Mariquiña de Xosé Castro “Chané’ ou Negra Sombra de Xoán Montes, até obras de compositores actuais como José Durán, Margarita Viso, Fernando Buide ou Octavio Vázquez soarán na Casa-Museo e será unha marabillosa forma de celebrar o aniversario de Manuel María.

O Concurso Manuel María de Composicións Musicais, alén do premio para a composición gañadora, conlevará a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza. O xurado do certame está presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Premio da crítica galega en 2020. Como vogal Juan Durán Alonso, autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Foi Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén como vogal fai parte Xosé Carlos Seráns Olveira, músico e compositor e o actual presidente da Asociación Galega de Compositores, ademais de xerente da Banda Municipal de Santiago de Compostela.

Esta Gala-Concerto é pública e gratuíta mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.