A Deputación da Coruña acollerá unha xornada á divulgación das axudas europeas Next Generation para rehabilitación de edificios e introdución do Passivhaus

Durante o evento persoal técnico especializado da Plataforma de Edificación Passivhaus e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia abordarán a temática das axudas europeas para a rehabilitación e do estándar de arquitectura pasiva
A Deputación da Coruña organiza xunto á Plataforma de Edificación Passivhaus unha xornada dedicada á divulgación das axudas europeas Next Generation destinadas a Galicia e á introdución do estándar Passivhaus, así como a súa aplicación na rehabilitación de edificios. Terá lugar o mércores 26 de outubro ás 18.00h na sala Juanjo Gallo da 6ª planta do pazo provincial.
Ademais, durante este evento, no que se contará coa intervención da Xefa do servizo de calidade da edificación do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta, Mª José Paniagua Mateos, tamén terán cabida a explicación de proceso de solicitude de axudas, a resolución das dúbidas máis frecuentes por persoal técnico especializado e a presentación dun exemplo de rehabilitación baixo o estándar Passivhaus en Galicia.
Esta xornada atópase aberta ao público xeral, especialmente ás persoas usuarias finais e administradoras de fincas, así como a todo o persoal técnico interesado. A inscrición é gratuíta e debe realizarse cumprimentando o formulario en liña dispoñible na web https://pel.gal/ngeu-passivhaus
A Deputación, con esta iniciativa continúa a súa estratexia de captación de fondos europeos para o desenvolvemento do territorio. Senda iniciada coa posta en marcha da oficina «Next Deputación» na Capela, o primeiro centro de Galicia creado especificamente para dar apoio aos municipios na captación e xestión de proxectos susceptibles de ser financiados con fondos Next Generation da Unión Europea.
PROGRAMA:
18.00h Benvida e recepción de participantes
18.10h Presentación de bases e convocatorias de axudas en Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da UE – Mª José Paniagua Mateos, Xefa do servizo de calidade da edificación do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia
18.30h Presentación de proceso de solicitude de axudas: resolución das dúbidas máis frecuentes por persoal técnico especializado
18.50h Rolda de preguntas e descanso
19.10h Introdución ao estándar Passivhaus – José Manuel Caamaño González, Passivhaus Tradesperson e socio da Plataforma de Edificación Passivhaus
19.30h Rehabilitación Edificio Colón 11, Vigo. Comparativa entre a calificación enerxética en estado inicial e rehabilitado en Galicia e partidas que resultarían subvencionables polos NGEU – Leo Llamas Álvarez, Deseñador Passivhaus e membro da xunta da Plataforma de Edificación Passivhaus
19.50h Rolda de preguntas e café de networking
Máis información en: https://www.plataforma-pep.org/events/jornada-ayudas-europeas-rehabilitacion-estandar-passivhaus-galicia/ e https://pel.gal/ngeu-passivhaus