A Deputación da Coruña pon en marcha o II Circuíto de Cultura en Igualdade

O programa, que chegará durante os próximos catro meses a 21 concellos coruñeses e aos dous centros infantís de titularidade provincial, inclúe nove propostas de teatro, música e contacontos nos que se traballa a diversidade sexual, a sensibilización en materia de igualdade de xénero e a prevención da violencia machista
A segunda edición do Circuíto Cultura en Igualdade, do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña, arrancou onte na Casa da Cultura de San Sadurniño, onde a compañía Pérez&Fernández representou a versión teatral da novela de María Solar «Os nenos da varíola».
O programa, que chegará durante os próximos catro meses a 21 concellos coruñeses e aos dous centros infantís de titularidade provincial, inclúe nove propostas de teatro, música e contacontos nos que se traballa a diversidade sexual, a sensibilización en materia de igualdade de xénero e a prevención da violencia machista.
«Na diagnose de igualdade feita polo noso departamento», explica a deputada María Muíño, «propuxémonos que o Circuíto siga apostando por ferramentas que propicien un cambio de valores para o fomento dunha sociedade igualitaria inclusiva e diversa». «Entre as medidas de actuación que se recolleron, logo dun proxecto participativo que durou meses, están a promoción e posta en marcha de actividades de promoción da igualdade de xénero e de respecto á diversidade, a creación dun catálogo de recursos e tamén o mantemento de apoio a proxectos culturais que inclúan a perspectiva de xénero».
Os espectáculos están destinados a todos os grupos de idade e traballan temáticas e tramas que van desde a lembranza das casas refuxio e as mulleres libertarias («As Mapoulas», de Laboratorio Escénico) até a viaxe de Isabel Zendal («O nenos da varíola», de Pérez&Fernández), pasando polo tratamento da violencia dixital («Miss Docet», de Compañía Eléctrica), o reencontro de tres amigas («Feminíssimas», de De Ste Xeito Producciones), a vida da pedagoga María Barbeito («As alumnas», de Culturactiva Producións), os problemas de conciliación («4.0», de Sue Moreno), as mulleres do mar como protagonistas («Asdomare», de Rilo & Penadique), a música de tradición oral feita por mulleres («Ris Ras», de Baobab Teatro) e a influencia das redes sociais, o «selfie» e o «sexting» na creación da propia identidade («Amantis», de Rebordelos).
Ademais de San Sadurniño, o II Circuíto Cultura en Igualdade fará parada, desde este mes ata febreiro de 2023, en Rianxo, A Laracha, A Pobra, Mañón, As Pontes, Vimianzo, Val Do Dubra, Rois, Trazo, Boiro, Moeche, Malpica, Boimorto, Coirós, Dodro, Brión, Arzúa, Camariñas, Pontedeume, o Centro de día de menores de Ferrol e o Fogar Infantil Emilio Romay, da Coruña.
Programa
«OS NENOS DA VARÍOLA», DE PÉREZ&FERNÁNDEZ
· 5/10, Casa da Cultura de San Sadurniño
· 9/12, Rianxo
«MISS DOCET», DE COMPAÑÍA ELÉCTRICA
· 23/10 (20 horas), Teatro Elma, A Pobra
· 2/12, A Laracha
· 3/12, Betanzos
· 4/02/2023, Mañón
«AS MAPOULAS», DE LABORATORIO ESCÉNICO
· 15/10 (20 horas), Auditorio Municipal Cine Alovi, As Pontes
· 23/11, Vimianzo
«4.0», DE SUE MORENO
· 15/10 (18.30 horas), Patio CEPI Val Do Dubra, Val do Dubra
· 12/11, Rois
· 24/11, Trazo
«AS ALUMNAS», DE CULTURACTIVA PRODUCIÓNS
· 5/11, Boiro
· 27/11, Moeche
· 3/12, Malpica
«ASDOMARE», DE RILO & PENADIQUE
· 23/11, Boimorto
· 24/11, Coirós
· 25/11, Dodro
«FEMINÍSSIMAS», DE DE STE XEITO PRODUCCIONES
· 16/12, Brión
· 17/12, Arzúa
«RIS RAS», DE BAOBAB TEATRO
· 3/02/2023, Centro de día de menores de Ferrol