A familia Penedo, de Boborás a Panamá, este sábado en “Facendo as Américas”

Manuel Penedo abandona Galicia con tan so catro anos para establecer a súa vida e carreira profesional en Panamá

No programa de hoxe imos coñecer unha familia que conta con varias xeracións que progresaron en Panamá. Jaime Penedo Martínez que chega ó país procedente de Moldes (Boborás), o seu fillo Manuel, que continúa os negocios familiares e Jaime Manuel Penedo, futbolista.

Manuel chega a Panamá con tan só catro anos pero pronto a familia ten que regresar porque o clima non era axeitado para a súa nai. Logo dun tempo de estancia en Galicia, Manuel retorna a Panamá fuxindo do servizo militar e decide establecerse co seu pai e dedicarse ós negocios de moblería. Pero a historia de Manuel non se centra só na súa faceta empresarial, tamén conta cun papel moi activo como presidente da Sociedade Española de Beneficencia e foi o gran impulsor da carreira futbolística do seu fillo Jaime, que ten o sobrenome de ‘San Penedo’.

Precisamente o programa tamén ofrece unha entrevista a Jaime Penedo que está considerado mellor porteiro na historia do fútbol de Panamá, quen tamén tivo oportunidade de vivir o soño europeo e máis o americano fichando por ‘Los Angeles Galaxy’.

Por último, contaremos coa participación da irmá de Manuel, que desde Galicia contará cales son os principais vencellos da familia cos seus devanceiros. Un programa cheo de contido que repasa a historia da saga familiar e descubre os segredos de grandes persoas que desprenden tamén xenerosidade e nobreza.

Conducido pola actriz e presentadora Estíbaliz Veiga, “Facendo as Américas” presentaranos a eses galegos que arriscaron todo canto tiñan para buscar o éxito alén das súas fronteiras. Cun ton amable no que predomina o rigor, os datos, o sentimento, a emotividade e tamén o bo humor, narraremos a través das entrevistas a importantes persoeiros galegos ou os seus descendentes, as circunstancias, dificultades, superacións e anécdotas que a emigración provoco nas súas vidas así como a pegada que imprimiron nos seus respectivos países de adopción.

A intención principal é entreter divulgando a nosa historia e a dos nosos compatriotas, os galegos que se foron, ou os seus descendentes, e ficaron alén do Atlántico pero que, por suposto, nunca esqueceron a súa orixe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.