A oficina de emprego de Sarria será renovada

Isabel Rodríguez puxo en valor os case 2,2 millóns que o Executivo achega para a mellora de oficinas de emprego na provincia. Concretamente, para as novas sedes de Lugo, Monforte, Vilalba e Sarria

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez anunciou hoxe que o Goberno achega un investimento de 306.800 euros para a renovación da oficina de emprego no concello de Sarria. A subdelegada fixo este anuncio logo de manter unha reunión coa directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Estefanía Pita.

Isabel Rodríguez explicou que o Ministerio de Traballo e Economía Social resolveu o Plan de subvencións para financiar a renovación de instalacións en oficinas de emprego con persoal do Servizo Público de Emprego Estatal. “Esta é unha demostración máis do compromiso que mantén o Goberno cos concellos da provincia, mellorando e fortalecendo un servizo imprescindible para a cidadanía, máis necesario que nunca para desenvolver con éxito as novas políticas de emprego”, manifestou.

Con esta nova actuación, o Goberno achega case 2,2 millóns de euros para a mellora de oficinas de emprego na provincia. Concretamente, son para as novas sedes nas cidades de Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria. Estas oficinas son compartidas co Servizo Galego de Colocación da Xunta de Galicia, polo que será a Comunidade Autónoma a encargada de xestionar estes fondos do proxecto.  

Rodríguez informou que este Plan de subvencións do Goberno ten por obxecto a realización de obras de renovación, adecuación e/ou reparación total ou parcial das instalacións, centros e dependencias das oficinas de emprego xa existentes ou de nova planta. Para distribuír o importe da subvención, tívose en conta o número de postos de traballo do SEPE na oficina, a superficie por empregado dispoñible no local e o proxecto das obras que se van realizar na oficina subvencionada.

Novas oficinas en Lugo, Monforte e Vilalba

Rodríguez lembrou que o Goberno tamén inviste fondos na nova oficina de emprego da cidade de Lugo. Neste caso, o Goberno financia con dúas subvencións por importe de 1.227.000 euros o proxecto que ten en execución a  Xunta no barrio da Residencia. As obras da nova oficina central de emprego de Lugo foron adxudicadas en 2.150.033 euros. Para este proxecto, o Goberno tamén facilitou as instalacións da antiga Escola de Enfermería que foron cedidas gratuitamente pola Tesourería Xeral da Seguridade Social para acoller a nova oficina de emprego.

Ademais, o Goberno achega outros 650.000 euros para a dotación de novas instalacións nos concellos de Vilalba e Monforte de Lemos. Son 342.160 euros ao proxecto para o traslado da oficina de emprego de Vilalba e outros 312.880 euros ao traslado da de Monforte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *