A Xunta avanza na configuración dun catálogo de Formación para o Emprego

A Xunta quere asegurarse de que as persoas teñen as capacidades que necesitan para prosperar e para favorecer a competitividade das empresas

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor o avance que a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego suporá para adaptar a formación laboral impartida na comunidade galega ás demandas do tecido produtivo. A Xunta aproveitou o IX Encontro Oficinas de Emprego Fronteirizas Galicia-Norte de Portugal para exportar o modelo, un dos grandes proxectos cos que a comunidade está a reinventar a formación laboral para os próximos anos.

Lado avogou por xuntar esforzos públicos e privados para ofrecer á cidadanía máis e mellores oportunidades de aprendizaxe. A Axenda concibiuse nesta dinámica, tal e como relatou, como un “gran pacto social” ao que poden adherirse entidades, como vén de facer a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Cámara de Comercio da Coruña.

“Estamos a establecer un marco de colaboración para converter as necesidades de postos de traballo das empresas galegas en ofertas de emprego a través das canles que brinda a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”, destacou Lado, quen subliñou como fundamental a información que a Axenda ofrece sobre o comportamento do mercado.

O Goberno galego quere mobilizar ás administracións públicas, interlocutores sociais e tecido empresarial, co obxectivo de mellorar as capacidades da poboación activa galega e atender as necesidades das empresas. “Evitar o desaxuste de competencias é esencial para reducir o desemprego e aumentar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial e industrial”, indicou a directora xeral.

Galicia xa ten camiño avanzado na configuración da Axenda. Como resultado dun labor colaborativo, o Goberno galego xuntou nove mesas de traballo sectoriais (construción; Blue economy; Green economy; Silver economy; o automoción e aeronáutico; loxística; turismo, hostalería e comercio; economía dixital e colectivos vulnerables) nos últimos meses que se encargaron da detección de necesidades concretas de capacitación. Tras a fase de análise de resultados, deseñarase un catálogo de formación para o emprego para que empresas e persoas traballadoras reforcen a súa competencia.

Contribuíron ao deseño da Axenda, a Administración autonómica, axentes sociais, asociacións, empresas, clústeres, empresas de formación e terceiro sector, con máis de 50 entidades referentes nos diferentes sectores, chegando a representar o 60% do PIB e do emprego da comunidade.

O traballo feito ata o de agora a través desta planificación permitiu a detección de catro focos nos que se deben desenvolver accións de capacitacións: o dixital (análise de datos, programación e competencias básicas, entre outros); o industrial e da construción (manexo de maquinaria, soldadura, pintado ou fabricación); empresarial (xestión e liderado de proxectos e equipos, capacidades de venda, idiomas ou competencias brandas); e asistencial (coidados, atención ao cliente ou servizos).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.