Alexandre Penas: “A varanda de Rafael de Vega leva días colocada”

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas mostrouse «sorprendido pola falta de rigor dos concelleiros do Partido Popular, que reclaman actuacións que xa están realizadas»
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, lamentou que «o Partido Popular reclame actuación que xa foron realizadas polo goberno», en referencia á nova publicada polos medios de comunicación no día de hoxe, reclamando unha varanda na rúa. Alexandre Penas afirmou que «desde o Goberno de Lugo eramos conscientes desta necesidade na nova rúa, e atendemos á reclamación veciñal do mesmo xeito que facemos en todas as zonas da cidade», e criticou que os concelleiros do Partido Popular mostren «unha falta de rigor que non contribúe a mellorar Lugo, traballo que ten que realizar tanto o goberno municipal como a oposición».
«Rafael de Vega é unnha zona da cidade que conta con moita poboación e que ata o de agora non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza», explicou Alexandre Penas, que engadiu «gañar novos espazos para o uso das veciñas e veciños é un dos proxectos no que máis estamos a traballar desde o Goberno de Lugo, planificando actuacións nos distintos barrios».
A peonalización deste treito de Rafael de Vega permitiu crear unha zona uniforme e contínua, cunha praza que favorece o carácter peonil do conxunto, mantendo a presenza de árbores e de zonas de sombra. A nova zona peonil inclúe novo alumeado ornamental a nivel do chan, que aumenta o ambiente cálido e acolledor desta nova zona. O espazo central organizouse en forma de grada urbana, e estará dotado de elementos de mobiliario urbano e papeleiras.