Avia Veira pide que se substitúan as escaleiras que comunican Manuel Deschamps co Camiño do Piñeiral “por unha rampla que permita a plena accesibilidade”

É unha demanda da veciñanza dos barrios da Agra e do Peruleiro e ten todo o sentido do mundo, pois as escaleiras que comunican a Rúa Manuel Deschamps co Camiño do Piñeiral non permiten a plena accesibilidade. A solución é substituílas por unha rampla”

E iso é o que lle pide o BNG ao Goberno Local através dun rogo escrito que leva a sinatura da concelleira Avia Veira.

“Mentres o Goberno Local se gaba de traballar na humanización das rúas da cidade, na Agra e no Peruleiro teñen unhas escaleiras que son unha auténtica barreira arquitectónica entre os dous barrios”, afirma Veira na exposición de motivos desta iniciativa.

Esa é a razón que levou a “un grupo de veciños e veciñas” a entregaren, nas oficinas do Concello no Ágora, un total de 425 sinaturas coas que se reclamaba a adecuación da intersección entre a rúa Manuel Deschamps e o Camiño do Piñeiral aos criterios de accesibilidade.

Unha cidade con atrancos que impidan o tránsito en igualdade de condicións para todo o mundo non é unha urbe plenamente democrática, entende a concelleira do BNG, quen o pasado 20 de setembro acompañou a representación veciñal no acto de rexistro das sinaturas.

O teor literal do rogo é o seguinte: “Que o Goberno Local poña solución ao problema de accesibilidade entre a rúa Manuel Deschamps e o Camiño do Piñeiral, substituíndo as escaleiras actuais e facilitando a instalación dunha rampla”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.