CCOO reivindica medidas de protección social para máis de medio millón de galegos que viven baixo o limiar da pobreza

Este luns, 17 de outubro, conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Neste contexto, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reivindica medidas efectivas de protección social para máis de medio millón de galegos e galegas que viven por baixo do limiar da pobreza (9535 € anuais para unha persoa soa). Son, en concreto, 544 520 persoas, o 20,2 % da poboación, tal como reflicte un informe que acaba de facer público o sindicato.

Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, «alén dos indicadores, a realidade é que son moitas, demasiadas, as persoas que viven unha situación dramática», e é que o indicador AROPE, no ano 2021, cifraba en 679 302 os galegos en risco de pobreza ou exclusión social.

Outros datos complementarios axudan a describir mellor a situación e apreciar tamén as «enormes consecuencias económicas sufridas por efecto da pandemia», mesmo que só sexa «parcialmente». Un exemplo é o do número de fogares sen perceptores de ingresos, que no 2021 alcanzaba os 30 800 fogares.

«Mídase como se mida, os niveis de pobreza alcanzan cotas inaceptables», denuncia Bouza. Por este motivo, CCOO coida «imprescindible» aproveitar as etapas de crecemento económico para desenvolver políticas que combatan a pobreza laboral, a precariedade e a desigualdade.

Modificar a Risga para protexer a poboación

Neste «grave contexto», afirma a responsable de CCOO, as redes de protección social deben desempeñar un «papel determinante»: o sistema público de pensións e de protección por desemprego e as rendas de inserción «deberían cubrir as necesidades básicas das persoas, en especial das que se atopen en situación máis vulnerable».

As dúas primeiras van ligadas en maior medida á vida laboral. De feito, tal como se constata no informe de CCOO, a situación de pobreza conflúe coa de baixa intensidade no traballo, por iso a prestación que debería darlles cobertura aos galegos e galegas en situación de necesidade é a Risga, «que ha modificarse para ser compatible co ingreso mínimo vital (IMV) e cubrir aquelas situacións onde este non chega».

O último informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social de Galicia é de 2021 e indícanos que en decembro dese ano o número de persoas perceptoras da Risga era de 7211, fronte a 3032 persoas perceptoras de axudas de inclusión social. Así mesmo, o orzamento utilizado para aboar esas prestacións ascendía a case 44 millóns de euros, o que supoñía unha contía media de 435,21 euros de prestación.

Porén, o número de titulares do IMV en setembro de 2022 era de 20 259 e a contía media por fogar de 492,25 euros; e que o número de persoas titulares e beneficiarias experimentara un notable incremento como consecuencia das medidas de flexibilización introducidas no 2021 e que entraron en vigor este ano.

Aínda así, unhas 30 491 percibirían rendas de integración «e poderiamos estimar que se benefician delas unhas 80 000 persoas»; é dicir, só 15 de cada 100 persoas en risco de pobreza en Galicia teñen unha prestación.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *