César Mogo, defendeu no Senado a construción dunha nova Comisaría en Lugo

O Senador do PSOE pola provincia, César Mogo, defendeu  unha proposta para que o Goberno central valore e incorpore no próximo Plan de Infraestruturas de Seguridade do Estado a construción dunha nova Comisaría en Lugo. Este é o contido da emenda que o socialista presentou a unha moción do Partido Popular sobre a dotación policial, e que os populares rexeitaron “por un claro interese electoral”.

O Senador socialista sinalou que o PP de Lugo propuxo debater sobre a Comisaría no Senado, “non polos intereses de Lugo e dos lucenses, senón polos intereses do PP de Lugo. E hoxe máis ca nunca, os intereses do PP de Lugo e os intereses da cidadanía de Lugo son cousas moi distintas”.

“A verdade inapelable é que co Goberno do PP nunca houbo un proxecto de nova Comisaría para a cidade de Lugo. O señor Barreiro paseouse por varios despachos oficiais para pedila, pero xamais logrou máis que palabras baleiras e compromisos que nunca se materializaron. O único que conseguiu foi fume”, recalcou César Mogo, lembrando que “a puntilla deulla a propia Xunta de Galicia destinando no 2020 a outros fins o espazo -no recinto do antigo hospital, na Residencia- que o propio Barreiro plantexaba como incuestionable para que se instalase a Comisaría”.

Polo tanto, o Partido Popular de Lugo, asegurou o Senador socialista, non contou co apoio da Xunta nin co PP de Galicia para “este proxecto imaxinario que puideron levar a cabo e que nunca fixeron ata que no 2020 a Xunta puxo pés en parede paralizando calquera opción”. Agora, incidiu, “o PP de Lugo intenta botar balóns fóra responsabilizando aos demais, pero o certo é que a Xunta do señor Feijóo deixouno colgado da brocha”.

Hoxe no Senado “o PP volveu a fracasar” porque perdeu a votación e, ademais, “desaproveitou a man tendida do PSOE” rexeitando unha emenda que contempla “moitísimo máis” do que o señor Barreiro “nunca conseguiu”. “Preferiu acabar derrotado, porque non queren dialogar, só hai un interese electoral, sen contidos realistas”.

“Fume” do PP fronte ás obras “contantes e sonantes” do PSOE

De feito, argumentou César Mogo, os populares presentaron a moción sobre a Comisaría para “desviar a atención sobre o ben parada que saíu a cidade nos Presupostos Xerais do Estado”. “O PP quere facer ruído para intentar ocultar que o impulso da Alcaldesa, Lara Méndez, e o compromiso do Goberno a través da Secretaria de Estado de Infraestruturas, a tamén lucense Isabel Pardo de Vera, lograran retomar a construción a partir do 2023 da Estación Intermodal”, recalcou.

Un proxecto “estratéxico para a cidade”, lembrou, “ao que lle deu carpetazo a Ministra do PP Ana Pastor co silencio cómplice do PP de Lugo”. Agora, co Goberno de Pedro Sánchez, “inclúese nos Orzamentos do Estado e as obras comezarán nos primeiros meses do 2023”. “Este si é un proxecto real, con recursos contantes e soantes, e non o fume que nos trouxo o PP coa Comisaría”.

Incuprimentos flagrantes da Xunta con Lugo

Así mesmo, o PP quere “facer ruído para tapar os moitos incumprimentos da Xunta en Lugo, onde as débedas se acumulan. Museo da Romanización, Plan Paradai ou Ronda Leste están pendentes na cidade, e na provincia, a VAC Costa Norte, entre moitos outros. Incumprimentos flagrantes con respecto aos que a Xunta non está nin se lle espera”, destacou o Senador socialista.

Os populares “fracasan de novo” porque “miran para a galería, e ademais en épocas preelectorais”, incidiu César Mogo, quen deixou claro que “é necesario traballar por unha nova localización para a Comisaría de Lugo” e que esta dotación “conseguirase traballando con seriedade e non con fogos de artificio”. “A nosa proposta é o camiño máis seguro e máis curto para que Lugo poida dispoñer” desta infraestrutura “e o PP rexeitouno”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.