Cinco novos concertos esta semana ao abeiro do programa ‘Música e Viño no teu Camiño’

EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan a segunda edición deste ciclo que forma parte de ‘O teu Xacobeo’ e que estes días desembarca en Baiona, Mos, Redondela, Soutomaior e Tui

Esta semana temos cinco novas citas co programa ‘Música e Viño no teu Camiño’, que continúa o seu percorrido levando a música de grupos emerxentes por todo o territorio. Posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, o ciclo desembarca en cinco novos concellos co obxectivo de xerar espazos de encontro e lecer nos que gozar dos viños con DO Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da contorna. A iniciativa desenvólvese  ao abeiro do programa O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.

Esta semana o ciclo de concertos arranca cedo, este mesmo martes 11 de outubro, coas versións de pop, soul, jazz e funk de Two in the Mirror, que encherán de vida os Xardíns da Casa da Navegación de Baiona a partir das 19.00 horas. A fin de semana musical comezará o venres 14 de outubro no Centro Dotacional de Torroso, en Mos, ás 19.00 h coa actuación de King Kids, un grupo formado por oito rapaces e rapazas de entre 11 e 15 anos que, con versións de temas coñecidos pero tamén con cancións propias, amosan á mocidade que a música en galego ten cabida en todos os estilos e a todas as idades.

O rock, funk e soul de The Mirror será a nosa gran cita para este sábado 15. O público poderá desfrutar da súa música en sesión vermú a partir das 13.00 horas na Praza da Constitución de Redondela. Pecharemos a semana musical con dous novos concertos o domingo 16: por un lado, co talante de Dous tipos ás 13.00 horas na Praza de Talorio de Soutomaior e ás 19.00 horas na Praza de San Fernando de Tui con Up2You, o dúo acústico que combina o mellor rock co soul e a música dos anos 70, 80 e 90.

Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos de balde por todo o territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.