Escolares dos Ancares limpan o río Ser, en Navia de Suarna

Na actividade, organizada pola asociación SER, que preside Óliver Laxe, participaron rapaces e rapazas que estudan no IES de Becerreá dos municipios de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, e tamén un grupo de veciños voluntarios

Escolares dos Ancares participaron este luns nunha xornada de limpeza do río Ser, en Navia de Suarna, grazas a unha axuda que lle outorgou a Deputación de Lugo ao colectivo SER, que preside o cineasta Óliver Laxe. Unha subvención de 3.850€ que pertence á liña de subvencións de concorrencia competitiva que lanzou a institución provincial para as entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Participaron rapaces e rapazas que estudan no IES de Becerreá dos municipios de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, e tamén un grupo de veciños voluntarios que se uniu  á actividade. Antes de comezar, Óliver Laxe explicoulles en que consiste o labor do colectivo SER e o significado da figura da Reserva da Biosfera, resaltando os valores polos que Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá forma partes territorios recoñecidos pola UNESCO. Logo, conformáronse grupos de traballo e desprazáronse ata o río para limpar o río de plásticos e lixo.

Con esta actividade tamén se sinalizou o Castro do Teso da Ermida, que se atopa ao carón do río, coñeceuse a aldea de Vilela e púxose especial fincapé en que a rapazada identifique os elementos patrimoniais e paisaxísticos, á vez que distingue os elementos que contaminan o medio e impiden o seu desenvolvemento natural. Outro dos aspectos sobre os que se reflexionou na xornada foi o problema dos lumes forestais, incidindo na importancia da prevención.

A actividade incluíu un xantar, e pola tarde os participantes clasificaron o lixo e logo depositárono no punto limpo de Becerreá.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.