‘Espías no tempo’ ensinará a historia da cidade a máis de medio milleiro de estudantes coruñeses

Nenas e nenos en idades de dez a doce anos tomarán parte en percorridos guiados polos barrios da cidade nos que están localizados os seus respectivos centros educativos

Máis de medio milleiro de alumnas e alumnos coruñeses que cursan quinto e sexto ano de primaria en 15 centros educativos da cidade poderán gozar, ao longo deste curso escolar, co novo programa municipal ‘Espías no tempo’, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego no contexto da edición 2022-23 dos programas educativos municipais.

‘Espías no tempo’ ten como principais obxectivos achegar ás rapazas e rapaces coruñeses o patrimonio da cidade e contribuír a xerar un sentimento de pertenza e a fomentar o papel educativo dos barrios como espazos xeradores de experiencias e de memoria compartida. «Todos e cada un dos barrios da Coruña teñen unha identidade e tradicións propias», subliñou o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín.

Desta forma, o alumnado que participe poderá investigar as características e peculiaridades da contorna próxima aos seus respectivos centros educativos, a través da súa participación activa. «Incentívase a responsabilidade e o compromiso das futuras xeracións coa protección do noso patrimonio material e tamén o inmaterial, porque se atenderá ás lendas, memorias orais e artísticas dos barrios. Ademais, este programa dá continuidade ao plan do Goberno de Inés Rey para reinterpretar as rúas da cidade como espazo de encontro, máis que de tránsito», recalcou Celemín.

Este sábado, 15 de outubro, pechouse o prazo de inscrición para tomar parte nas diversas actividades de observación e participación que abrangue o programa ‘Espías no tempo’, que se levarán a cabo en horario escolar e en sesións de 90 minutos de duración, cunha presentación inicial na aula (40 minutos) e un percorrido guiado pola contorna dos colexios e institutos en cuestión (50 minutos).

Neste sentido, os 15 centros educativos tomarán parte nos roteiros previstos. Son os seguintes: CEIP Torre de Hércules, CEIP Alborada, CEIP Anxo da Garda, CEIP Raquel Camacho, CEIP María Barbeito, CEIP Aneja, CEIP Ramón de la Sagra, CEIP Labaca, CEIP Salgado Torres, CEIP Víctor López Seoane, CEIP Curros Enríquez, CEIP Sal Lence, CEIP Sagrada Familia, CEIP Cidade Vella e CEIP Eusebio da Guarda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.