FEGADACE organiza este mércores en Lugo un obradoiro de seguridade viaria e prevención do dano cerebral adquirido

A Federación Galega de Dano Cerebral colabora cos Espazos +60 de Afundación para a organización, este mes, de 11 sesións informativas
A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Lugo pola man da colaboración entre Afundación e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia. Os traumatismos cranioencefálicos por accidentes de tráfico son a segunda causa do dano cerebral adquirido.
Así, FEGADACE presenta un proxecto de colaboración cos Espazos +60 de Afundación en forma de ciclo de obradoiros de seguridade viaria e prevención do dano cerebral adquirido. A sesión informativa de Lugo vai ter lugar o mércores, día 19 de outubro, a partir das 18:30, no Espazo +60 de Lugo (Carril do Mercado, 1).
Esta serie de sesións informativas organízase en outubro, mes do dano cerebral, co obxectivo de reforzar a prevención dos accidentes de tráfico entre a poboación maior, estendendo a concienciación sobre a dimensión do dano cerebral como consecuencia dos mesmos.
Os obradoiros están dirixidos a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é libre e de balde, é preciso inscribirse previamente da seguinte maneira:
- As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia.
- As persoas que non son socias poden:
- Cubrir este formulario de inscrición.
- Chamar ao 881 943 148.
O ciclo vai ocupar todo o mes con ata 11 sesións informativas en todas as vilas e cidades nas que Afundación dispón de Espazo +60; a relación completa é a seguinte:
- Viveiro (07/10/2022 | 17.30 h.)
- Vigo (13/10/2022 | 18.00 h.)
- Ferrol (17/10/2022 | 18.00 h.)
- Pontevedra (18/10/2022 | 18.00 h.)
- Lugo (19/10/2022 | 18.30 h.)
- A Coruña (20/10/2022 | 19.00 h.)
- Ourense (21/10/2022 | 17.30 h.)
- Pontedeume (24/10/2022 | 18.00 h.)
- Betanzos (25/10/2022 | 17.00 h.)
- Monforte (26/10/2022 | 18.00 h.) – Día do Dano Cerebral
- Santiago (27/10/2022 | 18.30 h.)
Esta acción de sensibilización forma parte do programa de conmemoracións de FEGADACE con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral. Trátase dunha xornada de vital importancia para o movemento asociativo, na que incrementamos o esforzo por dar a coñecer a situación do colectivo e por concienciar á poboación sobre a prevención do dano cerebral.
Ademais da colaboración con Afundación, FEGADACE dispón do financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.