FEGADACE organiza un obradoiro de seguridade viaria e prevención do dano cerebral o 17 de outubro en Ferrol

A Federación Galega de Dano Cerebral colabora cos Espazos +60 de Afundación para a organización, este mes, de 11 sesións informativas

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Ferrol pola man da colaboración entre Afundación e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia. Os traumatismos cranioencefálicos por accidentes de tráfico son a segunda causa do dano cerebral adquirido.

Así, FEGADACE presenta un proxecto de colaboración cos Espazos +60 de Afundación en forma de ciclo de obradoiros de seguridade viaria e prevención do dano cerebral adquirido. A sesión informativa de Ferrol vai ter lugar o luns, día 17 de outubro, a partir das 18:00, no Espazo +60 de Ferrol (Praza da Constitución, s/n).

Esta serie de sesións informativas organízase en outubro, mes do dano cerebral, co obxectivo de reforzar a prevención dos accidentes de tráfico entre a poboación maior, estendendo a concienciación sobre a dimensión do dano cerebral como consecuencia dos mesmos.

Os obradoiros están dirixidos a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é libre e de balde, é preciso inscribirse previamente da seguinte maneira:

  • As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia.
  • As persoas que non son socias poden:
  1. Cubrir este formulario de inscrición.
  2. Chamar ao 881 943 148.

O ciclo vai ocupar todo o mes con ata 11 sesións informativas en todas as vilas e cidades nas que Afundación dispón de Espazo +60; a relación completa é a seguinte:

  • Viveiro (07/10/2022 | 17.30 h.)
  • Vigo (13/10/2022 | 18.00 h.)
  • Ferrol (17/10/2022 | 18.00 h.)
  • Pontevedra (18/10/2022 | 18.00 h.)
  • Lugo (19/10/2022 | 18.30 h.)
  • A Coruña (20/10/2022 | 19.00 h.)
  • Ourense (21/10/2022 | 17.30 h.)
  • Pontedeume (24/10/2022 | 18.00 h.)
  • Betanzos (25/10/2022 | 17.00 h.)
  • Monforte (26/10/2022 | 18.00 h.) – Día do Dano Cerebral
  • Santiago (27/10/2022 | 18.30 h.)

Esta acción de sensibilización forma parte do programa de conmemoracións de FEGADACE con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral. Trátase dunha xornada de vital importancia para o movemento asociativo, na que incrementamos o esforzo por dar a coñecer a situación do colectivo e por concienciar á poboación sobre a prevención do dano cerebral.

Ademais da colaboración con Afundación, FEGADACE dispón do financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.