Formoso destaca «o papel relevante do Ministerio Fiscal nos momentos clave da nosa historia democrática»

O presidente da Deputación participou no acto conmemorativo polo 40 aniversario do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, celebrado no Pazo de Mariñán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde no acto conmemorativo celebrado no Pazo de Mariñán polo 40 aniversario do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, onde destacou «o papel relevante» da Fiscalía «nos momentos chave que dan forma á nosa historia democrática».

Formoso, que estivo acompañado do Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, expresou que «é unha honra poder acoller no Pazo de Mariñán este acto conmemorativo dunha data tan importante na historia da nosa democracia como é o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, que permitiu definir a organización, a misión e as funcións dun dos pilares do Estado de dereito como é o Ministerio Fiscal».

O presidente provincial, que amosou a súa «administración por todos e cada un dos membros do Ministerio Fiscal nun contexto tan complicado e cheo de incertezas como o actual», lembrou que esta institución «tivo un papel relevante en todos ou case todos os momentos ou contextos que dan forma á nosa historia democrática: defendendo a democracia e o Estado de Dereito, estando presente nos xuízos máis importantes, loitando contra o terrorismo, combatendo a corrupción, o narcotráfico e a criminalidade informática, defendendo os dereitos das persoas durante a pandemia e, en definitiva, apostando e loitando para que sempre prevaleza o interese social».

González Formoso tamén fixo referencia ao papel da fiscalía na «loita contra unha das lacras da nosa sociedade como é a violencia de xénero», salientando que «España é pioneira nesta loita e a Unidade de Violencia sobre a Muller da Fiscalía Xeral do Estado é un referente non só a nivel europeo senón tamén mundial».

Por último, sinalou como «un dos grandes retos para o futuro» ao borrador de Anteproxecto de Lei de Axuizamento Criminal «que prepara o Ministerio de Xustiza e que pretende dar un papel protagonista ao Ministerio Fiscal na fase de investigación», cualificándoo como «un proceso de cambio que, ademais de ser necesario, é lóxico, xa que moitos países da nosa contorna como Portugal, Italia ou Alemaña xa apostan porque sexa o Ministerio Fiscal quen dirixe a investigación dos delitos e promova a acción penal». «É un paso máis, pero un paso decisivo», afirmou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.