Formoso recorda ás vítimas do franquismo e critica que a Xunta “non dedique un só euro á memoria democrática nos orzamentos”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou hoxe o día de recordo das vítimas do golpe de estado, a guerra civil e a ditadura franquista, dende onde reprochou que a Xunta “non adique un só euro” a memoria democrática nos orzamentos e o voto en contra do PP no Congreso á nova lei, “faltando ao respecto a todas as vítimas”

O líder dos socialistas galegos interviu en Ferrol, xunto co alcalde Ángel Mato, nun acto en recordo das vítimas da represión franquista, debido a que coa recente aprobación da nova Lei de Memoria Democrática o 31 de outubro se establece como día oficial para recoñecer a estas vítimas.

Formoso reivindicou, dende o “emblemático” fortín de San Felipe, a importancia desta data no futuro, xa que será empregada para “facer xustiza coas persoas que foron fusiladas, represaliadas e perseguidas”. Enmarcou isto dentro da normalidade democrática, poñendo de exemplo as leis existentes nas “mellores democracias do mundo, que tamén tiveron momentos na súa historia dos que no están orgullosas”.

Atendendo a Galicia, Valentín González Formoso criticou que o PP deixe totalmente de lado a memoria histórica, non establecendo ningunha partida nos orzamentos da Xunta para elo, nin ningún plan específico. Ante o “desleixo deliberado” recordou que na comunidade autónoma hai documentadas 461 foxas comúns e soamente se interviu en 30 delas, polo que “están faltando o respecto ás vítimas”, denunciou.

Do mesmo xeito, non entendeu o voto en contra da nova Lei de Memoria Democrática do Partido Popular, que a súa posición “vai contra o sentir da sociedade que quere pasar páxina sen esquecer, construír o futuro sen perder a enerxía que nos da coñecer a nosa propia historia, quere que nunca construamos un país dende o esquecemento a aqueles que simplemente opinaban de forma distinta ao réxime militar”, sentenciou.

A pesar disto, Formoso non amosou sorpresa algunha ante a posición dos populares, xa que considera que actualmente “están facendo o mesmo que fixo Rajoy durante anos coa Lei de Memoria Histórica” aprobada no 2007, polo que reivindicou que sempre foron, tanto o PSdeG como o PSOE, a “columna vertebral política” da sociedade para que avance.

A necesidade desta nova cobertura legal  aos que máis sufriron o réxime ditatorial, tanto en Galicia como no conxunto de España, e “que os valores intrínsecos á democracia estean máis fortalecidos ca nunca”, así como para “non esquecer a nosa historia que forma parte do noso devir como pobo”.

En relación á necesidade que hai de facer esta lei como sociedade democrática engadiu Formoso que “unha Galicia que non respecte a súa memoria é unha Galicia sen dignidade e non podemos obrigar ao pobo galego a vivir sen dignidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.