Isabel Rodríguez anima a pilotos e afeccionados a gozar do Rally San Froilán “con responsabilidade e cumprindo as normas”

A subdelegada informou que as forzas e corpos de seguridade do Estado colaborarán co dispositivo montado pola organización para que a proba se desenvolva coas máximas garantías de seguridade
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou a todos os pilotos e afeccionados que se darán cita no Rally San Froilán a gozar da proba deportiva, “actuando coa máxima responsabilidade, respectando tanto a sinalización como as normas de seguridade, así como as indicacións que lles traslade a organización, para que esta 44 edición sexa un éxito”.
Isabel Rodríguez, que presidiu esta mañá a Xunta de Seguridade do rally lucense que tivo lugar na Subdelegación de Lugo, sinalou que as forzas e corpos de seguridade do Estado colaborarán co dispositivo montado pola organización para que a proba se desenvolva coas máximas garantías de seguridade durante os días 14, 15 e 16 de outubro.
Na reunión participaron representantes dos municipios por onde pasa o rally, responsables da Escudería Miño, organizadora da proba; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Local, Xefatura provincial de Tráfico, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil do Concello de Lugo, e Xunta de Galicia.
Tras a xuntanza, a subdelegada do Goberno fixo un chamamento a todo o público que se congregará nas estradas da provincia para presenciar esta proba que cumpran coas normativas de seguridade, manténdose nos espazos acotados para os espectadores.
Isabel Rodríguez aproveitou para felicitar á Escudería Miño polo seu traballo para asegurar a celebración dun rally de primeiro nivel, “que reúne na provincia, durante a fin de semana de competición, a máis de 30.000 afeccionados do mundo do motor”, sinalou a subdelegada.
Esta 44 edición do Rally San Froilán disputarase nos concellos de Lugo, Pol, O Páramo, Sarria, Outeiro de Rei, O Corgo e Guntín, cun percorrido de 439 quilómetros dos que 118 corresponden a treitos cronometrados por estradas que estarán pechadas ao tráfico. Como innovación, este ano os máis de 140 pilotos que compiten no rally conducirán por novos tramos de velocidade.