Maite Ferreiro destacou “os bos datos de visitantes” rexistrados durante o San Froilán

As instalacións turísticas municipais rexistraron máis de 11.000 visitantes durante as festas
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance dos datos de visitantes rexistrados polas instalacións turísticas municipais durante o San Froilán. Maite Ferreiro destacou «os bos datos de visitantes» rexistrados durante as festas, «o que se demostra coa satisfacción do sector da hostalería e a alta ocupación das prazas hoteleiras rexistrada».
As instalacións turísticas municipais recibiron en total a visita de 11.133 visitantes, dos cales máis de 5.500 foron atendidos no posto de información turística da praza Maior, «un dos puntos máis importantes na información turística durante o verán e tamén durante as festas», explicou Maite Ferreiro.
O Vello Cárcere foi a sala museística que recibiu máis visitas durante as festas, con 3.323 visitantes entre o 4 e o 12 de outubro, cun total de 4.590 visitantes rexistrados no conxunto das 5 salas museísticas.
No tocante á procedencia, Galiza e as zonas do estado próximas foron as zonas con máis turistas rexistradas, mais cun importante número de turistas procedentes do resto de países de Europa.