Marín fai unha posta a punto dos cemiterios municipais de cara ao Día de Todos os Santos

Os cemiterios municipais de Marín prepáranse para a celebración, o 1 de novembro, do Día de Todos os Santos, unha xornada na que a afluencia a estes espazos de culto é destacada e para a que sempre se fai unha posta a punto.
Aínda que o estado dos camposantos é moi bo en xeral, a concelleira Cristina Acuña, encargada da súa xestión, explicou que se levou a cabo unha limpeza un pouco máis profunda por parte dos traballadores municipais, para que todo estea en perfecto estado de cara a este día.
Ademais, hai unhas semanas o Concello xa publicara o bando correspondente no que se lle solicita aos propietarios de panteóns que os mantivesen tamén en bo estado, realizándolles unha limpeza en caso de ser preciso, para garantir a boa presenza e ornato de todo o espazo.
O horario de visita aos cemiterios, por outro lado, verase aumentado os días 31 e 1 de 08.00 a 20.00 horas. Dentro dos mesmos, deberase manter en todo momento o respecto axeitado aos demais visitantes.