Millennium Próxima xa permite pagar o bus urbano da Coruña co teléfono móbil

Inés Rey presentou o sistema, que é totalmente gratuíto e que permite prescindir aos usuarios e usuarias da antiga tarxeta

A aplicación Millennium Próxima está operativa desde hoxe, segundo avanzou a alcaldesa, Inés Rey, que, a bordo dun bus urbano en Porta Real, amosou os detalles do programa. A alcaldesa, acompañada polo voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, e polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, probou a nova aplicación nun vehículo ao que tamén subiu o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada.

A nova aplicación é totalmente gratuíta e moi fácil de empregar. Calquera usuario pode descargala a través de Play Store e darse de alta na tarifa xeral sen facer ningún trámite. Só os perfís con bonificacións especiais deberán acudir á estación de autobuses, sen concertar cita previa, para darse de alta neses perfís. Quen non teña ningún sistema de bloqueo da pantalla deberá activalo, xa que así o require por seguridade a aplicación, ao tratarse dun método de pagamento. O Concello reforzará a información sobre o novo servicio a través das oficinas dos rexistros, do 010 e na propia estación, e tamén porá en marcha unha campaña divulgativa con códigos QR para que calquera poida descargar o programa do xeito máis sinxelo.

A aplicación, indicou Rey, ten vocación de substituír na súa maior parte ás vellas tarxetas Millennium. Estas seguirán en uso e poderá dispoñer delas todo aquel que non desexe empregar a aplicación, mais recalcou que a aplicación mellora notablemente o servizo ao evitar o deterioro que teñen os vellos dispositivos que obrigaban aos usuarios e usuarias a acudir cada certo tempo á estación de autobuses para substituílos. O novo servizo permitirá tamén evitar a dependencia do subministro de tarxetas e aforrará aos usuarios o pagamento para substituílas cando se perden ou fallan.

A Millennium Próxima, indicou a alcaldesa, está dispoñible para móbiles con sistema operativo Android e que dispoñan do sistema NFC, é dicir, a inmensa da maioría dos móbiles que empregan ese sistema. O Concello está a traballar en ofrecer unha alternativa para os usuarios de móbiles de Apple, xa que o sistema iOS que emprega esta última compañía non permite o emprego do novo método de pagamento. En todo caso, estímase que máis do 80 % dos cidadáns dispoñen de móbiles Android.

Unha vez realizada a descarga, os usuarios só teñen que vincular a Millennium Próxima cunha tarxeta bancaria para poder facer as recargas. A recarga mínima será de 5 euros fronte aos 10 euros actuais, e xa non será preciso acudir a ningún caixeiro para facelo, xa que a recarga faise desde o propio teléfono cando o usuario o precise e con tarxetas de calquera entidade bancaria.

O seu uso no bus urbano é semellante ao da antiga Millennium: basta con pasar o móbil, coa aplicación aberta, polo lector de tarxetas dos vehículos.

A aplicación móbil pódese descargar na seguinte ligazón.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.