Noa Díaz reclámalle á Xunta que “reverta a autorización da liña de alta tensión que cruza o Castro Lupario”

Alerta de que o trazado actual ocasionará un “dano irreparable” nunha zona de alta concentración de xacementos históricos
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, esixiulle hoxe á Xunta que reverta a autorización do trazado da liña de alta tensión LAT Lousame – Tivo, que provocaría un “dano irreparable” a unha zona de alto valor patrimonial como o Castro Lupario e a súa contorna. Díaz presentou unha pregunta oral na Comisión de Cultura do Parlamento para reclamarlle á Xunta que “boten o freo e lle dean unha solución”.
A parlamentaria socialista sinalou que “é responsabilidade do Goberno aceptar que erraron e por conseguinte rectificar” para evitar un dano considerable ao patrimonio histórico de Galicia. Explica que esta liña de alta tensión afecta directamente ao Castro Lupario, á aldea de Angueira de Castro, o Pazo do Faramello, os núcleos de Faramello e Francos, a ponte sobre o Río Tinto, a carballeira de Francos e varios petróglifos.
Noa Díaz critica que o goberno galego, que ten sobre a mesa o trazado dende hai unha década, aproveitara o mes de agosto para perpetrar un “exercicio vergoñento de opacidade” e darlle o visto bo ao trazado, publicando a súa autorización no DOG o pasado 30 de agosto. E isto, subliña, mentres a cidadanía “agardaba que o Goberno galego estivera traballando nunha solución para poder desenvolver a infraestrutura enerxética á vez que protexer o patrimonio cultural e natural”.
Lonxe diso, engade, a Xunta de Galicia “optou pola pasividade e a inacción”, exceptuando un “informe pantasma” supostamente elaborado po unha “persoa experta de orde internacional” (sic), do que se negan a revelar tanto o contido coma a identidade do dito “experto”. Lembra que este informe foi elaborado precisamente en resposta ao informe do Consello da Cultura de Galicia alertando do dano cultural da liña, nunha reacción “demencial” por parte da Xunta de Galicia.
Advirte que a realidade é que “nunca quixeron negociar un novo trazado coa promotora do proxecto”, que nos últimos dez anos, no canto de declarar BIC o Castro, evitando que fora esnaquizado pola infraestrutura, o goberno galego autorizou a actuación cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable e un informe patrimonial positivo, obviando o inxente patrimonio cultural e natural do lugar.
Denuncia que a Xunta está a demostrar con este caso “o máis absoluto desleixo polo patrimonio cultural e natural galego, e dan conta dunha opacidade que só responde ao temor a enfrontarse directamente cos problemas”.