O afamado empresario natural de Gondomar, Antonio García, protagonista este sábado de “Facendo as Américas”

O coñecido empresario recibe á presentadora do programa, Estíbaliz Veiga, para coñecer de primeira man a traxectoria persoal e profesional deste home distribuidor ao por maior de grandes marcas mundiais que soubo ver o potencial de oportunidades do país e que vén de se converter nun moderno empresario noutros moitos ramos de negocio
O coñecido empresario con orixes en Gondomar (Pontevedra) Antonio García, protagoniza este sábado unha nova entrega da segunda tempada de “Facendo as Américas”. Un programa que xurde para dar a coñecer a personaxes galegos ou con raíces galegas que un día decidiron emprender unha nova vida e probar sorte emigrando a Latinoamérica.
O equipo de “Facendo as Américas” visita esta semana O Uruguai para coñecer a Antonio García, un dos grandes distribuidores do país, que ten as súas raíces en Peitieiros, Gondomar.
Estudando medicina, Antonio García soubo ver o potencial de oportunidades de Uruguai ata se converter nun moderno empresario noutros moitos ramos de negocio como a construción ou a arquitectura.
Profundamente vinculado ao tecido empresarial galego no Uruguai o seu grupo empresarial dá traballo actualmente ao redor de catrocentas familias grazas ás que se consolidou o seu proxecto. “Procurar o benestar da xente é outro xeito de facer medicina” asegura Antonio García, protagonista este sábado de “Facendo as Américas”.
A pesar de estar a máis de doce horas de avión, Antonio García ven cada ano a Galicia, unha terra que como o mesmo protagonista di “leva tatuada no sangue”.
Conducido pola actriz e presentadora Estíbaliz Veiga, “Facendo as Américas” preséntanos a eses galegos que arriscaron todo canto tiñan para buscar o éxito alén das súas fronteiras.