O Camiño Escena Norte bota o pano esta fin de semana en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela

O proxecto de intercambio de artes escénicas propón catro espectáculos para público infantil, familiar e adulto con compañías procedentes de Asturias, Euskadi e Navarra

O Camiño Escena Norte (2022) bota o pano en Galicia esta fin de semana. O proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, comunidade que se incorporou ao programa cultural nesta cuarta edición, finalizará o seu percorrido por escenarios de Galicia con cunha chea de funcións. En total, CEN 2022 ofrecerá cinco funcións de teatro e danza en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela entre o venres 7 e o domingo 9 de outubro.

A primeira cita será coa compañía asturiana Zig Zag Danza, que ofrecerá dúas funcións do seu espectáculo ‘Mímesis’, unha creación dirixida ao público infantil, especificamente á primeira infancia (0-3 anos).  Zig Zag bailará o venres 7 en no Auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro, en Ames, mentres que o sábado 8 de outubro visitará o Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. En ambos casos será necesario retirar previamente os convites (abilleteira.concellodeames.gal e www.entradasvilalba.es) para acceder aos recintos.

O sábado 8 a actividade de Camiño Escena Norte espallarase ás localidades de Viveiro e Carballo. Precisamente nesta última CEN volve formar parte da programación oficial do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, logo de facelo na súa primeira edición (2019). A compañía navarra La Caja Flotante presentará ‘Beautiful Stranger’, de Iron Iraizoz, no Pazo da Cultura da localidade bergantiñá.. As entradas están dispoñibles a través do web www.fiot.gal.

Tamén na tarde do sábado CEN visitará a Mariña lucense, concretamente o Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Alí terá lugar a representación de ‘El enjambre’, de Kepa Arrasti, da man da compañia vasca Vaivén Producciones. As entradas poderanse reservar a través do correo rbg.cultura@viveiro.es e recoller o mesmo día da función no despacho de billetes do recinto.

Finalmente, Camiño Escena Norte 2022 pecharase po domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company. A cita será ás 18.30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo. Esa mesma tarde, celebrarase un encontro entre a compañía e o alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida ‘ESADs no Camiño’.

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | 07 – 09 DE OUTUBRO

07.10.2022 | 18:00 horas no Auditorio Casa da Cultura do Milladoiro (Ames)
08.10.2022 | 
18:00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez (Vilalba)

‘Mímesis’, de Estrella García e Miguel Quiroga | Zig Zag Danza (Asturias)

‘Mímesis’ concíbese como un ritual escénico iniciático para a primeira infancia e as súas familias, que constrúe un ecosistema escénico para que sexa habitado e compartido por intérpretes e participantes. Trátase dunha coidada produción internacional de máis de tres anos, realizada entre España e Alemaña. Ao igual que as anteriores creacións de Zig Zag Danza, ‘Mímesis’ é unha proposta que parte da honestidade e do respecto, preservando a capacidade de desenvolvemento creativo dos públicos máis pequenos.

08.10.2022 | 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro

El enjambre’, de Kepa Arrasti | Vaivén Producciones (Euskadi)
Un grupo de amigas da infancia acode a unha casa rural para celebrar a despedida de solteira dunha delas. Pero os anos non pasan en balde e aínda que sintan un vínculo moi forte entre elas, nada é o que era; ou si… O que a priori ía ser unha fin de semana de festa tola, toleará un pouco máis se cabe: trapos sucios, cousas que nunca se dixeron, confesións, alcol, droga e un enxame. Dise que no reino animal as abellas son os seres que mellor se comunican. E, segundo parece, comunícanse bailando…


08.10.2022 | 20:45 horas no Salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo (FIOT)

‘Beautiful Stranger’, de Ion Iraizoz | La Caja Flotante (Navarra) 

O 21 de maio de 2019, Ion Iraizoz celebrou o seu corenta aniversario facendo unha festa/performance á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’. En ‘Beautiful stranger’, o autor interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír a súa festa de aniversario coa complicidade do público. Peza híbrida, entre a autoficción, a comedia existencial e a linguaxe cinematográfica, trata sobre como a memoria é invadida constantemente pola imaxinación e sobre as múltiples identidades que caben na vida dunha persoa.

09.10.2022 | 18:30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela

‘El secreto de Julio Verne’, de Irene Santos Fantastique Company (Asturias)

Na véspera de aninovo, Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se converterá nun museo, o que lles obriga, tanto ela como a súa familia, a ter que marchar. Triste e enfadada pola noticia, decide agocharse no seu lugar favorito da casa: o gabinete do seu avó, Julio Verne. Esa noite coñecerá alí a un curioso ourizo latriqueiro que lle desvelará o secreto do seu avó: este non foi só un escritor, senón un grande aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros.

09.10.2022 | 19.45 a 20.30 horas no Museo Centro Gaiás

Encontro do alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company

Camiño Escena Norte inclúe, como novidade da súa cuarta edición, ESADs no Camiño, unha actividade enmarcada na súa programación expandida e que quere pretende poñer en contacto ao alumnado con profesionais das artes escénicas en activo. Abordarán, nun coloquio, as características, proceso de creación e natureza do espectáculo, así como as dinámicas de funcionamento dunha compañía profesional.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.