O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que se persone na demanda de reclamación os bens mobles do Pazo de Meirás

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que se persone como coadxuvante na nova demanda de reclamación dos bens mobles do Pazo de Meirás. Castro sinala que “a Xunta ten que implicarse nesta recuperación e personarse na demanda da Avogacía do Estado, como fixo no seu día coa demanda coa propiedade do Pazo”.
A demanda da Avogacía do Estado, explica, “inclúe unha petición cautelar ara que os bens se manteñan dentro do Pazo de Meirás e en depósito da Administración ata que o xulgado decida a quen lle corresponde a súa propiedade”.
Castro esíxelle á Xunta que dea a cara “para soster e apoiar as pretensións do Estado” nunha reclamación que considera “esencial para garantir a conservación e protección dos bens contidos no inmoble, así como a integridade dos intereses históricos e artísticos vencellados a eles”. A demanda da Avogacía do Estado reclama a propiedade estatal de gran parte dos bens mobles incluídos dentro do Pazo.
Grazas á execución provisional da sentenza do Xulgado de 1ª Instancia da Coruña, foi posible coñecer a existencia de ata 564 bens mobles, documentos e cartafoles, entre os que se atopan bens de Patrimonio Nacional e bens do Patrimonio Documental Español. Ademais o Pazo contén un terceiro grupo de bens que son de dominio público pola súa afectación ao uso do Pazo como residencia oficial do xefe do Estado.
Ademais, estes forman parte do Patrimonio Histórico Español polo seu interese histórico e artístico, vencellado á figura da escritora Emilia Pardo Bazán e tamén á actividade oficial desenvolvida durante a ditadura franquista.