O luxo é ter pediatra. Por @DulceCorcu

Vén de dicir nunha entrevista a actual xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, que non nos fagamos á idea de ter un pediatra en cada centro de saúde, como se iso fose un luxo por enriba das posibilidades dunha poboación á que despois lle piden que teña fillos para paliar o envellecemento que sofre a nosa Comunidade. Traede crianzas o mundo, pero despois non agardades que teñan atención de especialistas nas vosas vilas, que hai cousas máis importantes onde invertir coma os concertos de verán, nos que despois as autoridades teñen entrada gratuita en zona VIP. Que a saúde é prioritaria pero lucir moreno e camisa de marca, tamén.
O desprezo amosado nas declaracións da señoran xerente indignaron non só á oposición, senón tamén a boa parte da cidadanía, que sabe o que é agardar meses por un pediatra para o seu Centro de Saúde, que os seus fillos e fillas sexan atendidos cada día por un médico distinto, que rouban tempo aos seus outros pacientes para cubrir esas carencias ás que se enfrontan moitos Concellos. De pouco serve fomentar a natalidade se, unha vez aquí, o primeiro que van a atopar os ilusionados pais e nais é un inferno para pedir cita e, habitualmente, o desprazamento a outras localidades como algo inevitable. Non debera ser ningún luxo aspirar a ese pediatra, e doe ler a tranquilidade con que Estrella López-Pardo asume que pedimos demasiado. Faltoulle pouco para dicir iso que xa tivemos que escoitar na anterior crise «vivimos por enriba das nosas posibilidades». Nós, porque a eles, ao poder, non lle falta de nada, por iso a desfachatez de esixirnos que nos conformemos, que vivamos coas carencias que nos corresponden por ser o que somos: xente corrente, clase baixa, obreiros que pagan os seus soldos e nunca terán un título comprado nun colexio maior que abra portas e despachos. A clase de xente que só ten o que é capaz de gañar por si mesma. O verdadeiro luxo sería ter uns representantes políticos na Xunta de Galicia que se preocuparan de que algo tan básico como a Sanidade, fose un dos sistemas máis fortes e dotados e non aquel que debilitan cada día e que, sen pudor algún, nos lembran de cotío que tampouco merecemos máis.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.