O Pleno pídelle ao goberno da Coruña que presente a demanda para recuperar a Casa Cornide

O Pleno do Concello da Coruña pediulle este xoves ao Goberno Local que interpoña a demanda para recuperar a titularidade da Casa Cornide tal e como xa aprobou a Corporación en setembro de 2019

Fíxoo ao aprobar unha moción impulsada por Defensa do Común, e asinada conxuntamente por BNG, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita, cunha emenda incorporada polo Partido Popular.

Na súa intervención de defensa desta iniciativa, o voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, salientou que o Goberno Local recibiu o mandato de formular esa demanda xa á altura de setembro de 2019, no primeiro Pleno da actual Corporación, cando se aprobou unha moción tamén da autoría do grupo municipal nacionalista.

E se aínda non foi aos tribunais o Goberno Local non foi porque carecese de argumentario. Lembrou Jorquera que o Concello dispón dun estudo histórico –teno desde o verán de 2020- e un informe xurídico –decembro dese mesmo ano- capaces de fundamentar unha demanda tecnicamente solvente.

Non se explica, por tanto, porque até agora o Goberno Local non materializou o mandato plenario. “En cinco ocasións preguntamos en Pleno cando se ían iniciar as accións legais e o único que recibimos foron evasivas por resposta”, referiu Jorquera. Evasivas e anuncios incumpridos. “Ante a prensa, a alcaldesa primeiro dixo que se presentaría a demanda antes de rematar 2022. Despois, antes de rematar 2021. Logo, antes de rematar 2022. Agora, que antes do fin de mandato”, relatou.

E mentres o Goberno Local incumpre os seus propios anuncios, os Franco moven ficha e poñen o inmóbel a venda nun portal inmobiliario, o que aínda fai máis urxente que desde o despacho de Inés Rey se promova de vez a acción xudicial para lle restituír ao patrimonio coruñés un ben que lle foi espoliado durante a ditadura.

De por parte, o Pleno aprobou tamén –cos votos das formacións propoñentes e a oposición do grupo socialista- unha moción conxunta formulada por BNG, Marea Atlántica e PP a medio da cal repróbase o Goberno Local pola forma antidemocrática en que se está a tramitar a Axenda Urbana 2030.

Polo BNG interveu na defensa desta iniciativa Avia Veira, quen afeou ao Goberno Local que incumprise un acordo de carácter resolutivo, o do Pleno de decembro de 2020, en virtude do cal se establecía a participación da oposición na elaboración da Axenda Urbana 2030.

Non houbo tal participación e si a total exclusión da oposición, o que é especialmente antidemocrático tendo en conta que o horizonte temporal desta axenda urbana, 2030, transcende non só este mandato, senón tamén o próximo.

A moción empraza o Goberno Local a que rectifique e a que no prazo dun mes constitúa de vez a Comisión Especial para a Axenda Urbana da Coruña. “Non se está a pedir nin máis nin menos que o que o Partido Socialista pedía cando estaba na oposición”, remarcou Veira.

Por último, desta vez por unanimidade, o Pleno aprobou a terceira das mocións do BNG, defendida por Jorquera e desta vez centrada na defensa da frota galega atinxida polo veto da UE.

Coa iniciativa ínstase o Goberno central a facer aquilo que aínda non fixo, e que non ten moitas trazas de facer: acompañar o recurso contra a decisión da Comisión Europea da petición expresa de que se suspenda cautelarmente a exclusión da frota galega de 87 caladoiros comunitarios.

Estaríamos, se se consumar, perante un “golpe case mortal” para un sector estratéxico da economía galega e coruñesa. Non en vano, a pesca representa por volta de 5% do PIB da Galiza, remarcou Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.