O Presidente da Deputación de Lugo celebra coa comunidade lucense en Cataluña as festas de San Froilán

Estou convencido de que van seguir aportando traballo e riqueza, como facemos sempre os lucenses e os galegos”, asegurou José Tomé Roca durante o multitudinario encontro de confraternidade organizado en Nou Barris pola Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, celebrou este sábado coa comunidade lucense e galega de Cataluña as festas de San Froilán, organizadas no barrio de Nou Barris da cidade condal pola Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona.

No multitudinario encontro de confraternidade participaron a presidenta do Consello de Distrito de Nou Barris, Gemma Sendra; o concelleiro de distrito do barrio Xavier Marcé; o Subdelegado do Goberno de España na provincia de Barcelona, Carlos Prieto; concelleiros de Nou Barris, deputados no Parlamento de Cataluña, e o Secretario Xeral do PSC e ex Ministro de Sanidade, Salvador Illa, entre outras autoridades.

José Tomé Roca desexoulle a toda a comunidade lucense e galega boas festas e amosou a súa satisfacción por poder volver a compartir este encontro logo da pandemia. “Cando estiven aquí no ano 2019 non podiamos nin imaxinar todo o que veu despois: unha pandemia mundial, que nos cortou a vida e que impediu que nos puideramos xuntar con normalidade durante moito tempo. Pasaron tres anos, nos que o mundo cambiou dun xeito profundo. A covid-19 impuxo restricións, afectou á economía e, sobre todo, cobrouse un custo enorme en sufrimento persoal e vidas humanas”, destacou o Presidente, quen tivo un recordo para as persoas falecidas na pandemia e mostrou o seu agarimo ás súas familias  e amizades, ademais de loar “o comportamento exemplar, solidario e responsable” da cidadanía para facerlle fronte á crise sanitaria.

Apoio da Deputación

O Presidente da Deputación expresou o compromiso da institución provincial de seguir colaborando e apoiando o labor que desenvolve a Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona, e coas actividades da comunidade galega en Cataluña, “convencidos de que son os mellores embaixadores da provincia de Lugo”.  Neste sentido, recoñeceu que “xogan un papel fundamental para dar a coñecer a nosa provincia, a diversidade e a riqueza das nosas paisaxes, tradicións, cultura, historia e gastronomía”.

As festas do San Froilán en Barcelona, asegurou, “xunta pasado, presente e futuro, porque estamos aquí orgullosos de renovar as nosas tradicións, pero tamén para deixar constancia do que é a día de hoxe a realidade de Galicia e os galegos, e, sobre todo, para seguir traballando xuntos para que o futuro de todos e todas sexa mellor”, manifestou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.