O Programa de detección precoz do cancro de mama da Xunta atendeu en Lugo a máis de 30.000 mulleres

O delegado territorial, Javier Arias, visitou a Unidade de exploración mamográfica da Praza do Ferrol, que se reforza polas tardes para completar o cribado a todas as mulleres de entre 50 e 69 anos

Máis de 30.000 mulleres foron atendidas en Lugo nos últimos meses no marco do Programa de detección precoz do cancro de mama que desenvolve a Consellería de Sanidade. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a Unidade de exploración mamográfica situada no centro de saúde da Praza do Ferrol, que precisamente durante estes meses se reforza en horario de tarde.

No Día Mundial da loita contra o Cancro de Mama, o delegado lembrou o gran impacto    deste programa, que permitiu diminuír a mortalidade entre as mulleres participantes nun 20%; por este papel fundamental, a iniciativa recibiu recentemente o premio anual da  Asociación de persoas afectadas de cancro de mama.

Na visita explicaron que o programa de cribado leva en marcha 30 anos e Lugo rexistra a maior taxa de participación de Galicia. A unidade da praza do Ferrol conta con dous técnicos especialistas en raios e traballa con moito dinamismo, realizando preto de 50 mamografías diarias en horario de mañá e 40 cando funciona polas tardes, polo que nunha xornada completa pode facer ata 90 probas.

O programa está dirixido a mulleres de 50 a 69 anos residentes en Galicia que non foran diagnosticadas previamente de cancro de mama, e consiste na realización dunha mamografía de cribado cada dous anos. Os centros de referencia son o xa citado na cidade de Lugo e os hospitais públicos da Mariña e Monforte de Lemos. Todos eles reforzan a súa actividade polas tardes en determinados períodos para completar os obxectivos e alcanzar ao conxunto da poboación diana.

Entre xaneiro e setembro deste ano foron citadas 14.457 mulleres na provincia e a taxa de participación foi de case o 88%, xa que 12.718 acudiron á exploración; ao longo do 2021 a taxa foi do 82,7% e realizáronse 17.798 controis. O obxectivo de participación aceptable establecido polas “Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico” é do 70%, e o obxectivo desexable é do 75%, conseguido polo programa galego a partires do ano 2006 de maneira continuada.

De todas as mulleres exploradas,  97,3 % teñen un resultado negativo e o 2,7% restante requiren valoración clínica adicional para confirmar ou refutar lesión maligna. Neste sentido, cómpre destacar que no 70% dos casos detéctase en estadio 1, o que implica unha case segura perspectiva de recuperación.

“Os datos avalan o bo funcionamento do programa”, afirmou Arias, que instou a todas as mulleres citadas a acudir á revisión. O cancro de mama continúa sendo un problema de saúde prioritario, a primeira causa de morte por cancro na muller en Europa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.