Paloma Castro cualifica de “continuístas e decepcionantes” os orzamentos de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sinala a falla de compromiso coa mellora das infraestruturas xudiciais, urxe a recuperar o diálogo coas deputacións para mellorar a xestión de prevención e emerxencias, e aumentar as partidas para os concellos

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, cualificou hoxe de “continuístas e decepcionantes” os orzamentos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para o próximo ano. Castro interveu na comparecencia do Conselleiro no Parlamento para presentar as contas do próximo ano, que constitúen un “copia e pega literal” das partidas sen executar dos anos anteriores.

É o caso do Plan de infraestruturas xudiciais, que mantén como grandes investimentos a ampliación do Imelga en Santiago ou o terceiro xulgado da Estrada, herdados de anteriores exercicios. Mentres, outras obras comprometidas nin sequera foron iniciadas, como os novos edificios xudiciais, dixo, de Padrón, Ferrol, Sarria, Vilagarcía ou Cambados.

Alertou das “moitas carencias” na administración de Xustiza no territorio, que “obstaculizan o bo funcionamento” do servizo, dificultan aos axentes xudiciais executar o seu traballo e os obrigan a padecer unhas condicións laborais “desaconsellables”. Esta situación, sinalou, “afectan tamén ao dereito a unha atención xudicial digna” para os usuarios, como son “as salas de agarda compartidas, cun mobiliario deteriorado ou mesmo sen aseos”.

Castro reclamoulle ao goberno galego un Plan de medidas de protección ás vítimas de violencia de xénero dentro das sedes xudiciais para un período de 4 anos que contemple unha adecuación progresiva dos xulgados que coñecen de asuntos de violencia de xénero para “mellorar a seguridade e protección das vítimas”. Tamén reclamou o reforzo do persoal adscrito ao Imelga, que está a padecer unha saturación grave que deriva no retraso dos procesos xudiciais afectados.

A parlamentaria socialista pediulle ao conselleiro de Presidencia a revisión dos convenios dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais -GES-, e “darlle unha volta á organización” pero dende o “diálogo e negociación coas deputacións”, escoitando aos traballadores, delimitando as súas funcións e aumentando a profesionalización. Subliñou que “non se poden repetir casos coma o de Sanxenxo, onde o alcalde puxo aos traballadores a facer labores de intendencia como represalia.

Lei do Xogo

Paloma Castro criticou o “cinismo total” amosado polo PP ao reiniciar o debate da Lei do Xogo grazas á iniciativa do PSdeG para reactivar unha Lei paralizada dende a súa chegada ao goberno galego, pero “sen quedar mal cos empresarios do xogo nin renunciar ao en torno a 50 millóns de euros de beneficios anuais”. Sinalou que “para que non se enfade o sector o compensan cunha rebaixa do 40 por cento dos impostos aos bingos”, reducindo o gravame do 50 ao 30 por cento.

Reclamou tamén un estudo de impacto da igualdade nas policías locais de Galicia, e lembrou a obriga de “tomar medidas e incentivar que a muller policía local deixe de ser unha pequena cifra para cubrir o expediente e se converta nun elemento fundamental e imprescindible no corpo policial”. Sinalou a difícil situación da policía galega, logo de que Rajoy recortara 500 efectivos en 7 anos, que está a restaurar o goberno de Sánchez dende hai catro anos.

Paloma Castro criticou a falla de compromiso do goberno galego coa administración local, xa que mantén o Fondo de Cooperación Local, conxelado e “totalmente insuficiente” dende 2011, co reparto discrecional entre concellos que “non reciben nin un euro” e outros gobernos municipais afíns que ven pasar “centos de millóns”. Preguntoulle así “como xustifica que no Deza e Terra de Montes leven todo o diñeiro Lalín e A Estrada”.

A parlamentaria socialista sinalou que o goberno galego leva 13 anos “sen destinar un só euro á recuperación da memoria histórica” en Galicia, e reclamou finalmente que incorporen aos Orzamentos de 2023 unha partida para darlle cumprimento ao establecido na nova Lei de Memoria Democrática e elaborar un Plan específico para o período 2023-27.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *