Ponteareas recupera a súa memoria histórica

O Concello pon en marcha coa Deputación de Pontevedra un programa de actividades coas que achegarse dun xeito distinto ás vivencias da represión e da ditadura

Reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de Estado de 1936 e achegar ao público dun xeito diferente ás vivencias da represión e da ditadura. Ese é o obxectivo das actividades de memoria histórica postas en marcha polo Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa ‘O pasado por vir’, unha iniciativa coa que tamén se pretender dar a coñecer as iniciativas que se estaban levando a cabo no primeiro terzo do século XX en Galicia, constatar a gran perda que supuxo para a toda a sociedade e “recuperar non só a memoria dos nomes, rostros e biografías dunha xeración oprimida, senón tamén e, sobre todo, dos seus ideais devastados e do país que querían construír e que foi aniquilado”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana con teatro e fotografía. Este domingo 30 de outubro a sala multiúsos do auditorio municipal a representación da obra ‘A señora de Forcadela’, da compañía Os Quinquilláns. A través desta historia o público achegarase á vida da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas en Galicia a partir de xullo do 36: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle conmutou por cadea perpetua e, despois, a 6 anos e un día. A mestra escribía en 1982 un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’ que recolle a vida dunha reclusa naquela época dun xeito moi directo. A representación será ás 18.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Durante o próximo mes, o público ponteareán tamén achegarase ao Museo Municipal para coñecer un anaco da historia a través da exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’, unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, polo feito de ser mulleres, sufriron vexacións de corte sexista.

A mostra, que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936, analizará a contextualización histórica, que conta como se produciu unha quebra dos dereitos tanto de clases como para as mulleres, que pasaron a ser tratadas como menores de idade ou sempre dependentes de varón. Ademais, a exposición analizará as diferentes tipoloxías de represión e permitirá recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. Esta mostra, de balde, poderá visitarse dende o 30 de outubro ata o 30 de novembro de luns a venres de 09.00 a 21.00 h e sábados e domingos de 10.30 a 13.30 horas.

O programa de actividades rematará o vindeiro 22 de novembro cunha charla a cargo de Montse Fajardo sobre ‘A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas’. Será na sala multiúsos do auditorio municipal ás 11.00 horas con entrada gratuíta ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades coas que “se busca achegar ao público un pouco máis a unha época escura da nosa historia recente e verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.