Rueda destaca o papel do Camiño de Santiago “na promoción da gastronomía de Galicia”

O presidente galego fixo entrega da recadación do evento gastronómico Estrelas solidarias no Camiño á Asociación compostelá de esclerose múltiple (ACEM)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe que neste Ano Santo de cifras históricas, en referencia ás máis de 420.000 compostelas que se levan entregado, se debe pór en valor a relevancia que ten o Camiño de Santiago e o Xacobeo para promocionar a gastronomía de Galicia, pero tamén para amosar a faciana máis solidaria dos galegos e galegas.

Así o salientou na entrega en Santiago á Asociación compostelá de esclerose múltiple (ACEM) da recadación de 5.200 euros que conseguiu este verán Estrelas solidarias no Camiño, iniciativa gastronómica solidaria na que participaron este ano 27 cociñeiros de prestixio de toda España, moitos deles coa distinción da ‘Estrella Michelin’.

Rueda lembrou que esta iniciativa solidaria persegue o dobre obxectivo de recadar fondos cada ano para unha entidade sen ánimo de lucro e promocionar a gastronomía e o turismo en Galicia. “O resultado é este cheque que hoxe entregamos á ACEM, que lles virá moi ben, pero o máis importante é que lle dará visibilidade ao seu traballo”, remarcou o presidente en referencia aos servizos que presta esta asociación “para chegar onde non pode chegar a Administración”.

Ao respecto, defendeu o traballo que leva a cabo a Xunta en materia sanitaria e social, pero considerou imprescindible “a marea de voluntarios e profesionais” que poñen a disposición das persoas enfermas e das súas familias entidades sen ánimo de lucro como a ACEM, cunha traxectoria de 30 anos velando pola defensa dos interese dos pacientes con esta enfermidade.

Por iso, amosou o compromiso da Xunta de Galicia de estar “á altura” en actuacións para mellorar a calidade de vida destes doentes e dos seus familiares e garantiulles que o Goberno galego traballará “cóbado a cóbado” para escoitar este tipo de asociacións para unha xestión máis eficaz dos recursos. “Agardo que digades que tedes unha Administración que, lonxe de estorbar, bota unha man cando máis falta fai”, concluíu.

Con respecto a esclerose múltiple, lembrar que en Galicia o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) alberga un dos 12 centros de referencia a nivel estatal na abordaxe desta patoloxía e que na Comunidade se están a implantar tratamentos innovadores para os máis de 3.000 pacientes de esclerose múltiple que precisan terapia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.