Rueda: “Gran parte do éxito espectacular do Xacobeo foi conseguir que moitas familias e rapaces de toda Galicia fixeran o Camiño”

Salienta a auxe do Camiño Inglés, que se converteu no cuarto trazado con máis peregrinos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a aposta da Xunta por impulsar o Camiño de Santiago como un modelo de turismo familiar e sustentable.

“Gran parte do éxito espectacular do Xacobeo foi conseguir que moitas familias e rapaces de toda Galicia fixeran o Camiño, e coñeceran o que é o Ano Santo e se familiarizaran con el”.Así o aseverou Rueda na súa participación no III Festival Escolar Camiño Inglés, que se celebrou hoxe en Ferrol, e no que participaron milleiros de rapaces para achegarse dun xeito lúdico ao Xacobeo e tamén ás súas diferentes rutas.

No encontro cos participantes, o mandatario galego salientou que a Xunta -ao igual que a Federación de ANPAS Concepción Arenal que organiza este festival- procura fomentar tamén o turismo familiar dentro das rutas xacobeas. Neste senso, argumentou que os rapaces son os “futuros impulsores e animadores da marca Galicia” que, segundo o presidente galego, é a que “está a tirar deste resultado turístico tan fundamental”.

Camiño inglés, ruta en auxe

O presidente da Xunta puxo en valor que este certame escolar tivese como protagonista o Camiño Inglés, do que subliñou que cada vez ten máis adeptos. Así, remarcou que se deron o dobre de compostelas ata chegar ás 23.000 cando, cando no 2021 foran case 11.000. Deste xeito, destacou que xa é o “cuarto trazado con máis peregrinos”, por detrás do Camiño Francés, o Portugués e o Portugués da Costa.

Fin das obras do albergue para principios de ano

O mandatario galego tamén se referiu ao albergue público de peregrinos de Ferrol, que estará finalizado a principios do ano que vén. Ao respecto, Rueda lembrou que as obras comezaron o pasado mes de xullo e, neste intre, xa rexistran “velocidade de cruceiro” co obxecto de, en canto rematen, proceder co seu equipamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.