Toponimízate acode a Ortigueira coa urxencia de recuperar os seus nomes de lugar

A cita será este xoves 20 de outubro, a partir das 11:00 horas, no Teatro da Beneficencia. A charla será presentada polos concelleiro de Educación e Cultura, Juan Manuel Cao García

Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra chega mañá xoves, 20 de outubro, ás terras de Ortegal co obxectivo de concienciar a veciñanza da necesidade de recuperar os nomes de lugar de Ortigueira. A cita coa campaña, coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia, será a partir das 11:00 horas no Teatro da Beneficencia. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, será o encargado de impartir a charla, que presentará o concelleiro de Educación e Cultura, Juan Manuel Cao García.

Ortigueira é o concello de Galicia con máis núcleos de poboación deshabitados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, máis dun cento as entidades  na actualidade. No que vai de século XXI, a poboación reduciuse un 40 % e hoxe o 46 % dos seus habitantes teñen 60 anos ou máis. A estes preocupantes indicadores cómpre engadir outro dato: só 8 das súas 22 parroquias foron obxecto dos traballos de recolla da microtoponimia do Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que estivo activo. Soamente Céltigos, Couzadoiro, Cuíña, Espasante, Loiba, Luama, Luía e Ortigueira contan cos nomes das súas leiras, camiños, pedras, montes ou regos recollidos.

A suma destes dous factores, o despoboamento do concello e uns de traballos recolla que só cubriron un terzo do seu territorio fai que a toponimia tradicional en Ortigueira estea en serio risco de desaparecer e sexa máis urxente ca nunca a súa compilación. A procura de persoas que queiran colaborar coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para recuperar a toponimia é así o principal obxectivo con que chega a campaña Toponimízate a este concello coruñés.

As persoas que asistan á charla deste xoves aprenderán o funcionamento de Galicia Nomeada e como colaborar a través desta aplicación da recolla de microtopónimos. Vicente Feijoo tamén lles explicará a orixe e o significado dos nomes das 22 parroquias de Ortigueira e as etimoloxías dalgunha das máis de 700 entidades de poboación coas que conta. Esta parte máis científica conta coas achegas etimolóxicas do académico electo Gonzalo Navaza.

O encontro permitirá ademais solicitar a colaboración cidadá para o labor de actualización que se está a realizar no Nomenclátor oficial de entidades de poboación de Galicia, xa que neste concello trataron de agruparse moitas pequenas aldeas baixo un mesmo nome, cando histórica e popularmente teñen cada unha nome de seu.

xr:d:DAFPXt89UJM:5,j:38311448095,t:22101806

Allariz, vindeira cita coa toponimia

A campaña Toponimízate desprazarase do norte da provincia da Coruña ao centro da provincia de Ourense: este mesmo venres, a casa da Cultura de Allariz acollerá a remuda desta campaña que procura implicar a poboación galega na recolla da súa toponimia tradicional. O evento comezará ás 20:00 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.