A área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa ao colectivo de emigrantes retornados de que “as débedas tributarias en Alemaña prescriben aos sete anos”

Nos últimos días están a recibir consultas de emigrantes retornados do pais xermano que foron requiridos pola facenda alemá ao pago do chamado imposto do 5% sobre as pensións que se perciben deste país

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa secretaría provincial de migracións, informa de que as débedas tributarias prescriben aos 7 anos en Alemaña. Os e as socialistas explican que nos últimos días están a recibir consultas de emigrantes retornados do pais xermano que foron requiridos pola facenda alemá ao pago do chamado imposto do 5% sobre as pensións que se perciben deste país.

Segundo apuntan dende a área de migracións do PSOE ourensán «varios retornados recibiron cartas de Alemaña instando a abonar o imposto correspondente polo período 2016-2021, coa opción de pagar a elevada carga tributaria a catro prazos, sendo o imposto para abonar nalgúns casos superior aos 5.000 euros». O secretario provincial de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín, afirma que «a problemática reside en que algúns teñen que abonar, de forma especial, os anos fiscais 2016-2017» e segundo manifesta «á hora de solicitar a devolución dese período fiscal por dobre imposición, Facenda de España alega que non procede ao estar xa prescrito o tempo de rectificación, sendo só posible desde o 2018 en diante».

A disparidade na lexislación tributaria entre España e Alemaña reside nos diferentes prazos de prescrición (España 4 anos e Alemaña 7 anos) e nos períodos da declaración da renda. En Alemaña, finalizou o 31 de outubro deste ano o prazo para o ano fiscal 2021 se se presenta persoalmente ante Facenda. En caso de recorrer a un asesor fiscal (Steuerberater) ou ás populares asociacións de axuda e defensa do contribuínte (Lohnsteuerhilfeverein), a declaración da renda 2021 ten prazo mesmo ata o 31 de agosto de 2023.

Desde a área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense veñen insistindo nos últimos anos, a través as diversas sesións informativas realizadas por toda a provincia, na «obrigatoriedade de darse de alta na Axencia Tributaria alemá se se cobra unha pensión por primeira vez desde o 1 de xaneiro de 2015». «Atopámonos moitas veces con retornados que manifestaban percibir pensións desde o ano 2015 e non ter ningunha reclamación ata a data da Facenda de Alemaña», manifesta o secretario provincial de Migracións, Luís Gulin.

«Ao analizar os ingresos correspondentes, bastantes con dúas ou tres pensións, advertimos do risco que corrían e informóuselles como é o camiño para darse de alta ante a facenda teutoa para evitar problemas no futuro», subliña Gulín que tamén apunta que «explicóuselles o trámite para solicitar posteriormente á Facenda española a devolución deses impostos pagos a Alemaña». Desde a área de migracións dos e das socialistas ourensás ofrécese a posibilidade de informar como tramitar o alta ante Alemaña, se procede segundo os ingresos, ou calquera outra dúbida sobre o tema, solicitando cita previa no teléfono 988 37 03 86.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.