A Asociación AMARAI celebra o XXV aniversario en Melide

Presentarase o Documental de AMARAI dirixido por Rubén Riós
A Asociación AMARAI (Asociación de Persoas con Discapacidade de Arzúa e Terra de Melide) celebra o seu XXV Aniversario. Facendo coincidir co Día Internacional da Discapacidade, o venres día 2 de decembro, AMARAI celebra o XXV Aniversario no Auditorio Casa da Cultura de Melide, ás 18 horas.
Durante este acto contaremos coa presenza de compañeiros do movemento asociativo COGAMI, con socios, familiares, usuarios do centro e rexedores dos concellos da área de influencia da nosa entidade.
Entre as actividades coas que contaremos ao longo da xornada serán: a representación da obra de teatro “Román e Xuliña” polos usuarios de AMARAI, a presentación dun documental dirixido polo actor e director Rubén Riós que amosa o impulso que supuxo esta entidade para a consecución de logros tanto persoais como profesionais ou formativos. Tamén contaremos cun concerto da Banda Municipal de Arzúa que amenizará o acto.
AMARAI leva vintecinco anos traballando a prol da inclusión social e co fin de facilitarlle ás persoas con diversidade funcional un acceso aos servicios que lle permitan acadar o seu desenvolvemento integral e afianzar a súa participación activa na comunidade.
A Asociación enorgullécese e celebra estes vintecinco anos capaces e expón que a viaxe continúa.