A Coruña e Oleiros acordan estudar a viabilidade de crear rutas marítimas para mellorar a conectividade entre os municipios

As liñas proxectadas, que conectarían A Coruña coas localidades de Santa Cristina e Mera, estarían operativas todos os días do ano

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse este martes en María Pita co rexedor do Concello de Oleiros, Ángel García Seoane, no marco dun encontro institucional orientado á mellora da conectividade entre os dous municipios.

Neste sentido, os dous rexedores acordaron hoxe a contratación dun estudo de viabilidade e, en paralelo, unha análise de impacto económico para a posta en marcha de dúas liñas marítimas regulares de pasaxe, A Coruña – Mera e A Coruña – Santa Cristina, que ofrecerían servizo ás persoas usuarias todos os días do ano. A estas dúas liñas podería sumarse unha terceira, entre A Coruña e Santa Cruz, sempre que o calado do porto oleirense así o permita. “O estudo pode estar listo nun prazo de tres meses e unha vez esté certificada a viabilidade técnica do proxecto, implicaremos ás demais Administracións para a súa posta en marcha”, explicou a alcaldesa, Inés Rey.

O obxectivo plantexado polos Concellos da Coruña e Oleiros é que a actividade dos transbordadores se poda manter todo o ano sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan co fin de desconxestionar o tráfico rodado na estrada AC-173, onde colindan os termos territoriais de A Coruña e Oleiros e remata a Ponte Pasaxe, un enclave cuns índices de circulación rodada moi elevados.

Impulso á conexión da liña de autobús 1-A entre A Coruña e Santa Cristina

No encontro, Inés Rey e Ángel García Seoane amosaron tamén a disposición de ámbalas partes a impulsar a continuidade do convenio que promove os percorridos da liña de autobús 1-A, para conectar a cidade e a localidade de Santa Cristina.

Ata a actualidade, esta conexión actívabase durante ao comezo do verán co obxectivo de facilitar os desprazamentos das persoas usuarias entre A Coruña e Santa Cristina, e mantíñase ata a conclusión da tempada de praias, pero a demanda da liña fai factible que esté operativa durante todo o ano. “A nosa vontade é a renovación deste convenio e, coa anuencia da Compañía de Tranvías, que non puxo ningún impedimento, os dous Concellos comezaremos a traballar xa na aprobación do mesmo”, concretou Inés Rey.

A pasarela da Xunta

Inés Rey e García Seoane tamén abordaron esta mañá o anuncio da Xunta para establecer unha pasarela peonil entre As Xubias, no termo municipal da Coruña, e a praia de Santa Cristina, nos límites territoriais pertencentes a Oleiros.

A alcaldesa salientou que o Concello da Coruña aínda non recibiu nin unha chamada desde abril para poder coñecer ese proxecto. “Nos oito meses que pasaron desde o anuncio da pasarela por parte da Xunta, nunca se nos chamou para falar do asunto. O colmo do absurdo é que agora nos ameacen con non executar algo que nin sequera se nos presentou”, detallou Inés Rey.

A rexedora expuxo que o Concello da Coruña descoñece, a día de hoxe, “se existen estudos de impacto ambiental e de mobilidade” con respecto ao proxecto da pasarela, “e tamén descoñecemos se o que propón a Xunta encaixa ou non co Plan Xeral”, así como “se este tema xa se falou co Ministerio e se é compatible coa ampliación con pasarela peonil e ciclista da Ponte Pasaxe; descoñecemos, ademais, o impacto que podería ter isto sobre un núcleo tradicional como é o das Xubias, que podería deixar de selo”, advertiu a alcaldesa.

Inés Rey esixiu á Xunta “responsabilidade, respeto e lealdade” nesta cuestión, e apuntou que “os desenvolvementos urbanos decídense en base a argumentos, estudos serios e, sobre todo, dialogando cos concellos aos que afectan”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.