A Deputación da Coruña sitúase á vangarda das administracións locais galegas na implantación da administración electrónica

72 concellos de menos de 20.000 habitantes ofrecen os seus servizos online á cidadanía co apoio da Deputación

O Consello de Contas de Galicia vén de publicar un informe sobre o grao de implantación da administración electónica nas entidades locais de Galicia no período 2019-2020 que sitúa á Deputación da Coruña á vangarda en implantación da e-administración.

Tras a auditoría realizada, o informe destaca o “cumprimento favorable” da Deputación da Coruña neste ámbito e recoñece a planificación e a aposta pola dixitalización da administración tanto no que se refire á propia institución provincial,  como na asistencia técnica que ofrece sos concellos de menos de 20.000 habitantes .

O informe destaca que a Deputación da Coruña é a única de Galicia que presta este servizo de xeito directo (con persoal e recursos propios, sen recorrer a contratacións externas) “a todos os concellos susceptibles de recibila, mediante a intervención de persoal de varias unidades administrativas”, fundamentalmente do servizos de Asistencia aos Concellos, Administración Electrónica, Sistemas e Soporte Informático e Contabilidade. Apunta ademais que a Deputación duplicou o número de traballadores e traballadoras de perfil TIC que prestan estes servizos, pasando de 10 a 19 persoas entre 2019 e 2020.

Amplo catálogo de servizos aos concellos

No apartado de Planificación, a Deputación da Coruña aproba en todos os ámbitos deste epígrafe (avaliación inicial, recomendacións, seguimento e planificación) e destaca que conta cun amplo catálogo de servizos que oferta a un total de 72 dos 82 concellos de menos de 20.00 habitantes da provincia, “non existindo ningún concello que solicitase a prestación e non a recibise”.

Grazas a este apoio técnico da Deputación, 72 municipios contan a día de hoxe con servizos dixitais que axilizan o traballo administrativo e facilitan as xestións da cidadanía como a sede e o rexistro electrónico, identificación e sinatura electrónica, notificacións electrónicas, cartafol cidadán, expedientes dixitais, plataforma de intermediación de datos, códigos seguros de verificación, hosting da web municipal ou factura electrónica.

Esta prestación de servizos realízase trala sinatura dun convenio e non supón custe económico para os concellos, que teñen ademais a posibilidade de avaliar a calidade do servizo que reciben da Deputación e propor melloras ou novas ferramentas que lles axuden a mellorar o seu traballo no eido da administración electrónica.

Pioneiros co proxecto Concello Dixital

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que os bos resultados desta auditoría do Consello de Contas de Galicia  son posibles grazas a aposta pola dixitalización da administración que vén facendo a Deputación nos últimos anos a través do proxecto Concello Dixital, “un proxecto integral destinado á dixitalización das entidades locais, que nace de abaixo arriba, recollendo as demandas e necesidades dos concellos, e que ten como obxectivos principais mellorar a atención á cidadanía, facilitar o acceso a calquera trámite coa administración e axilizar a tramitación dos expedientes”.

Na actualidade, o proxecto Concello Dixital liderado pola Deputación da Coruña integra a 80 entidades da administración local da provincia: 70 concellos, 3 consorcios, 5 mancomunidades, un auditorio e a propia Deputación.

Inlusión dixital e redución da fenda dixital entre o urbano e o rural

Outros  retos a nivel de e-aministración nos que está traballando a Deputación da Coruña, en liña coa Axenda Europea e España Dixital 2025 é a ciberseguridade. Na actualidade, o plan provincial de ciberseguridade destinado a entidades locais de menos de 20.000 habitantes conta xa con 67 concellos adheridos na súa primeira fase de execución.

Ademáis, tamén se avanza en materia de inclusión dixital e democratización de acceso aos datos por parte da cidadanía: “Na Deputación estamos a traballar para reducir a fenda dixital que entre as zonas urbanas e as rurais e para ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía, sen esquencer  a implantación de fórmulas de inclusión dixital para facer a e-admnistración accesible tamén para as persoas maiores”, afirmou Formoso, que detallou que, ademáis dalgunhas medidas que xa están en funcionamento, como como o acordo con Correos para facilitar o pagamento de tributos en calquera municipio da provincia a través da súa rede de oficinas ou dos carteiros, o Goberno provincial traballa en fórmulas que faciliten que a cidadanía poda realizar os seus trámites administrativos electrónicos de forma sinxela, mediante a creación de puntos de inclusión dixital nos que se axude ás persoas a realizar trámites online ou reforzando os servizos de soporte e a atención presencial á cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.