A disposición dos investigadores máis de 7.500 documentos históricos restaurados procedentes do lazareto da illa de San Simón

Recuperáronse, entre outras pezas, expedientes e rexistros de buques, misais ou ordes e saídas de persoal tras as corentenas correspondentes aos anos 1920 e 1930

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, comprobaron hoxe os resultados da primeira fase dos traballos que está a cometer o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra coa documentación histórica do lazareto da illa de San Simón e que polo momento se saldou con 7.500 documentos restaurados.

Co gallo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, visitaron o Arquivo Histórico acompañados da súa directora, Carmen L. Corgo. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo de manifesto a importancia destes traballos de conservación e divulgación documental “para manter viva a nosa historia e estudar e comprender un período da historia contemporánea de Galicia e España”. Como expresou, hoxe en día a illa de San Simón forma parte dun circuíto histórico patrimonial “que axuda a comprender a historia de Vigo e a súa contorna”.

Anxo M. Lorenzo indicou, ademais, que o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra obtivo mediante transferencia documental da Delegación de Facenda de Vigo a documentación do lazareto que estaba depositada na Aduana de Vigo en 1977 e tamén a documentación do lazareto de San Simón existente na illa en 1982. Así, a día de hoxe, a documentación sobre o lazareto de San Simón que custodia o arquivo abrangue desde 1803 a 1934 e inclúe expedientes e rexistros de buques, misais, rexistros de ordes e saídas de persoal, entre outros.

Traballo exhaustivo

A primeira fase da restauración comezou no ano 2019 e neste tempo recuperáronse un total de 7.500 documentos correspondentes as datas entre 1920 e 1930 que conteñen principalmente documentos de barcos, tripulantes e pasaxeiros e que reflicten o proceso para poder saír tras as corentenas do lazareto. Como indicou Anxo M. Lorenzo, os documentos recepcionados atopábanse en mal estado de conservación, polo que o cualificou o traballo levado a cabo polo equipo técnico do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra como “exhaustivo e excelente”, ao permitir “abrir unha porta ao noso pasado cunha valiosa documentación”.

Salientou tamén que isto demostra o importante papel dos arquivos para custodiar o patrimonio documental de Galicia. Neste sentido, referiuse ao traballo levado a cabo pola Xunta á hora de contribuír á conservación dos fondos documentais dos distintos arquivos galegos a través de distintas iniciativas como unha liña de axudas específicas por 145.000 euros destinada tanto a concellos como a entidades sen fin de lucro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.