A ópera electrónica ‘Papagena’ pecha a súa xira de inverno co foco no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Papagena, inspirada nas persoas-paxaro d’A frauta máxica de Mozart, é un espectáculo con perspectiva de xénero que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica

Logo de itinerar por unha ducia de vilas galegas, Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vai pechar a súa xira de inverno con tres funcións enmarcadas nas accións do 25-N. Así, as vindeiras funcións van ser en Boiro este venres 18, en Bueu o sábado 19 e en Foz, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o venres 25 de novembro.

Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada na persoas-paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Concibido para público adulto e adolescente, a trama de Papagena expón unha relación marcada polos celos e o control e narra o proceso que leva ao personaxe interpretado por Esperanza Mara a se liberar da súa cárcere vital. Un dos maiores avances político-social dos últimos tempos, a loita contra o sexismo, é a base para analizar e reescribir a Papagena mozartiana e darlle as ás que lle permitan voar e escapar da gaiola. Hai tamén na ópera de ButacaZero unha mensaxe clara que nas redes sociais da compañía condénsase no cancelo #nonsexaspapageno.

Coas vindeiras funcións en Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro), Papagena vai pechar unha intensa xira de inverno que comezou en setembro en Rianxo e que xa levou a peza ata unha ducia de vilas galegas ao longo do trimestre. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena están dispoñibles na páxina web da compañía, butacazero.net.

Aposta pola creación emerxente e o territorio

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptouse a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo deste trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. Ademais, a entrada está a ser de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

PAPAGENA BOIRO | Venres 18 de novembro | 21 h | Entrada libre ata completar o aforo
Casa da Cultura ‘Ramón Martínez López’ [Av. da Constitución, 30, Boiro]

PAPAGENA BUEU | Sábado 19 de novembro | 20 h | Entrada libre ata completar o aforo
Centro Social do Mar [Rúa de Montero Ríos, Bueu]

PAPAGENA FOZ | Venres 25 de novembro | 20.30 h | Entrada libre ata completar o aforo
Casa da Cultura [R. de Lugo, 1, Foz]

Foto portada: Miramemira

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.