A Xunta desenvolve unha macroenquisa sobre a percepción e actitudes da mocidade respecto da violencia de xénero e as agresións sexuais

O obxectivo é detectar onde se debe poñer o foco para previr e desmontar roles, ideas e estereotipos desde a raíz

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballa na realización dunha macroenquisa sobre a percepción e actitudes da mocidade respecto da violencia de xénero e as agresións sexuais que se centrará en idades temperás, dos 12 ata os 18 anos, para detectar onde se debe poñer o foco para previr e desmontar roles, ideas e estereotipos desde a raíz.

Así o anunciou hoxe a titular do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, na inauguración da IV Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade, que organiza a Xunta, en colaboración coas tres universidades galegas, no marco da campaña autonómica Agresión Off, que está a percorrer os concellos galegos para formar e informar contra a violencia sexual en festas, festivais, concentracións turísticas e outras citas nas que se congregue un amplo número de persoas.

Lorenzana puxo en valor a celebración de xornadas como a de hoxe de Santiago de Compostela, na que participaron 200 persoas, xa que indicou que “resultan fundamentais para avanzar nunha sociedade concienciada e implicada”. Apuntou que a colaboración coas universidades neste eido súmase á cooperación que mantén a Consellería coa institución universitaria para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Sinalou que é unha prioridade do Goberno galego loitar contra calquera manifestación da violencia de xénero e, ao respecto, salientou que o novo proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas (Lei de acompañamento) propón incluír entre as formas de violencia de xénero a explotación sexual e, polo tanto, nas prestacións económicas correspondentes ás vítimas.

En palabras de Lorenzana, a violencia de xénero está a afectar a colectivos máis vulnerables como é o da adolescencia e, ao respecto, sinalou que o ciberacoso, o sexting, o ciberbulling ou o grooming supoñen unha forma de limitación da liberdade que xera dominación e relacións desiguais entre mulleres e homes.

“Está a nosa man construír a sociedade que queremos e que debemos ser: unha sociedade en igualdade para mozas e mozos, para mulleres e homes, libre de violencia de xénero”, concluíu Lorenzana.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.