A Xunta impulsa con 504.000 € o obradoiro de emprego Camiño de Santiago III de Sarria

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade impulsa cunha achega de 504.000 euros a terceira edición do obradoiro de emprego Camiño de Santiago de Sarria, que comeza hoxe e terá unha duración dun ano.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde, Claudio Garrido, -entre outras persoas – participou na presentación da actividade, dirixida a 20 persoas desempregadas que se formarán nas especialidades de Pavimentos e albanelería de urbanización e Instalación de elementos de carpintería.
Arias afirmou que a Administración autonómica segue apostando polos obradoiros de emprego “porque constitúen un modelo formativo que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída”.
Engadiu que os talleres “deixan unha pegada importante nos concellos nos que se desenvolven, xa que realizan obras e prestan servizos moi importantes a nivel local”. No caso de Sarria, as actuacións propostas nesta edición son a rehabilitación dos casetos do polbo, a pavimentación do tramo peonil contiguo e a reconstrución dos muros de cachotería da zona.
O delegado territorial destacou que este ano a Xunta aprobou todas as solicitudes presentadas por entidades locais lucenses para poñer en marcha un obradoiro de emprego. Nese sentido, apuntou que na provincia funcionarán ao longo dos vindeiros meses 21 novos talleres que suman 10,7 millóns de euros de investimento autonómico e benefician a 57 concellos, “polo que o 85% dos municipios lucenses terá este ano un obradoiro dual financiado polo Goberno galego”, salientou Arias.