A Xunta inviste 240.000 euros na mellora da eficiencia enerxética no CEPI de Antas

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de realizar diversas obras por valor de 240.500 euros no CEIP de Antas de Ulla, co obxectivo principal de mellorar as condicións de eficiencia enerxética.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, entre os que destaca a substitución das ventás e portas exteriores por outras con maior estanquidade e resistencia térmica.

Así, as novas carpinterías instaladas contan cun sistema de apertura oscilobatente, perfilería con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Tamén se dotou de illamento e instalouse falso teito no comedor e noutras estancias de elevada altura.

Actuouse así mesmo nas cubertas, co fin de repoñer os canlóns e limas que o precisaban e reparar filtracións puntuais. En determinadas zonas interiores renováronse os falsos teitos e a pintura. Nalgúns espazos do centro tamén se mudou a iluminación por equipos LED de baixo consumo. Ademais, nos aseos e no ximnasio substituíronse as carpinterías interiores e instaláronse estores nas aulas.

O delegado subliñou que con esta intervención acádase un centro máis confortable para toda a comunidade educativa do CEIP de Antas, que este curso conta con 80 estudantes tras rexistrar un aumento da matrícula.

Arias afirmou que esta actuación enmárcase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego que conta cun investimento de 191M€ para esta lexislatura.

O obxectivo deste plan, pioneiro en España, é avanzar en infraestruturas educativas máis confortables, máis innovadoras e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.

Con cargo a este Plan, a Xunta ten en marcha na provincia de Lugo un total de 31 actuacións que suman un importe de 16,9 M€ e se atopan en diferentes fases de execución.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.