A Xunta protexerá as comunidades de montes veciñais en man común “para asegurar que o pago polo carbono sexa xusto”

Nos vindeiros meses, declararase o carbono como un aproveitamento forestal e o Goberno galego traballará para dispor dun sistema de créditos de carbono de carácter voluntario

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurou esta mañá en Lugo a xornada titulada “O quebracabezas do mercado de carbono e o sector forestal”, organizada polo distrito forestal IX Lugo- Sarria, onde anunciou que a Xunta protexerá as comunidades de montes veciñais en man común para asegurar que o pago polo carbono sexa xusto. Esta xornada estivo dirixida aos propietarios forestais, entre os que se atopaban as comunidades veciñais, así como ás empresas e consultorías de servizos forestais, ademais de ao público interesado en xeral.

Neste senso, Jacobo Aboal subliñou que, ante a situación de cambio climático, nos vindeiros meses declararase o carbono como un aproveitamento forestal. Así, incidiu en que a descarbonización en poucos anos non será unha opción para as empresas e os países, polo que aqueles propietarios que dispoñan de bosques terán un recurso con valor de mercado. De feito, incidiu en que o carbono pode xerar unha fonte de riqueza alternativa que axude a afondar na xestión forestal sustentable e activa, poñendo en valor o rural e loitando contra o seu abandono.

Tendo en conta que Galicia se atopa nunha situación inmellorable, o director da Axencia anunciou que o Goberno galego proporá as medidas necesarias para protexer a integridade das comunidades de montes veciñais en man común. Así, incidiu en que os contratos de cesión dos dereitos de carbono son un acto de disposición e, como tal, hai que darlle debida explicación a todas persoas comuneiras en asemblea xeral, para así contar co apoio maioritario da veciñanza e valorar as mellores opcións que teñen os produtores.

Para iso, Jacobo Aboal avanzou que a Consellería traballará para dispor dun sistema de créditos de carbono de carácter voluntario. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións. Ademais, advertiu que, á diferenza do sistema estatal dirixido ás zonas incendiadas ou que non estiveran arborados nos últimos 30 anos, o sistema galego basearase na xestión forestal sustentable e activa como ferramenta diferencial para secuestrar un número de toneladas de carbono adicionais fronte a aqueles bosques abandonados. Deste xeito, non só contabilizará o carbono almacenado pola cuberta arbórea, senón tamén aquel carbono almacenado en produtos de madeira, fomentando aqueles que presenten ciclos de vida longa, como son todos os relacionados con fins estruturais, por exemplo, en construción.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.