Alcaldesas e alcaldes do Condado-Paradanta e Salceda de Caselas apoian a iniciativa lexislativa popular que esixe medidas urxentes a implantar na sanidade pública

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado convoca unha concentración este 30 de novembro en Ponteareas para reclamar unha atención primaria de calidade

As alcaldesas e alcaldes do Condado-Paradanta e Salceda de Caselas amosan o seu total apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, integrada por organizacións sociais, sanitarias, de pacientes, sindicais e políticas, coa que se busca que o Parlamento Galego debata e aprobe unha serie de medidas urxentes a implantar en atención primaria.

“A nosa comarca está atravesando unha etapa de grandes dificultades no ámbito sanitario. Como alcaldes e alcaldesas somos coñecedoras da mingua da calidade asistencial que están padecendo as usuarias e usuarios dos nosos centros de saúde e dos PAC de referencia, Ponteareas, A Cañiza e O Porriño”, explican as e os rexedores asinantes: a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila; o rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; o de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo; o rexedor da Cañiza, Luis Gómez Piña; e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón.

Unha situación que xera “unha preocupación e malestar que vai en aumento” cada día, con pacientes nenas e nenos sen servizo de pediatría, veciños e veciñas sen médico asignado e listaxes de agarda con prazos inaceptábeis, ao que se suma a presión, inestabilidade e precariedade á que está sometido o persoal sanitario, incompatíbeis cunha atención de calidade aos pacientes.

O pasado mes de marzo, alcaldesas e alcaldes solicitaban unha xuntanza urxente coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para valorar a situación na que se atopaban os centros de saúde e avaliar posíbeis melloras, pero “oito meses despois, nin obtivemos resposta nin albiscamos melloras substanciais na atención primaria no conxunto do Condado-Paradanta e Salceda de Caselas”.

Por este motivo apoian de forma rotunda a ILP proposta pola Plataforma SOS Sanidade Pública, na que se solicita medidas de aplicación urxente como a volta á atención presencial do paciente; a reapertura das consultas, centros de saúde e PAC de urxencia pechados durante os últimos anos; ou incremento de persoal médico, de enfermaría e administrativo dos centros de saúde, redimensionando os cadros de persoal e incorporando novas categorías profesionais como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá, logopedia… desmedicalizando a atención e ofrecendo unha asistencia integrada.

Ademais, entre as medidas solicitadas tamén figura o establecemento duns ratios mínimos que permita salvagardar a atención ás e aos pacientes; acabar coa inestabilidade e precariedade do persoal; poñer en marcha o Consello de Saúde de Galicia e de Área Sanitaria para que a poboación teña capacidade real de planificar, decidir e avaliar a actividade dos centros; ou recuperar as Xerencias de Atención Primaria dotándoas de capacidade de planificación e autoxestión, converténdoas en elemento esencial da organización da atención primaria.

“Todas as medidas que recolle a ILP deberían aprobarse de maneira urxente polo Parlamento de Galicia, dada a gravidade da atención primaria, en risco de desmantelamento e privatización. E deberían ir acompañadas dun incremento do orzamento para a atención primaria ata alcanzar o 25% do total”, salientan rexedoras e rexedores.

Alcaldes e alcaldesa animan ademais a toda a veciñanza a participar nas diferentes accións que están a levar a cabo dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado para reclamar unha atención sanitaria digna. Rexedores e rexedoras entregarán esta declaración ao voceiros e voceiras da Plataforma SOS Sanidade Pública e da plataforma do Condado durante a concentración que se celebrará o vindeiro 30 de novembro en Ponteareas, onde presentarán a ILP e recollerán sinaturas de apoio entre veciños e veciñas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *