As irregularidades nas contratacións do Concello de Touro poñen en risco os fondos Next Generation

O grupo do Movemento Veciñal informa que o concello de Touro leva perdidos varios centos de milleiros de euros en subvencións que distintas administracións lle anularon por irregularidades nas contratacións do goberno de Touro. Fóronlle anuladas dende subvencións para a renovación de alumeado público financiadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica e a Comunidade Europea ata subvencións da Deputación para desenvolvemento turístico, ou da propia Xunta de Galicia para investimentos turísticos.

Agora son as subvencións do Fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resilencia da Unión Europea coñecidos como Next Generation 2022-2023 as que están en risco de perderse pola incompetencia do goberno e a administración local na contratación. Neste caso a subvención europea estaría destinada á implantación de recollida separada e á reciclaxe de residuos orgánicos domésticos mediante compostaxe. A recollida separada de biorresiduos será obrigatoria por lei para os concellos a partires do 31 de decembro de 2023 e o concello de Touro non fixo aínda nada ao respecto, mestres os concellos da contorna xa adoptaron medidas.

Segundo a subvención europea, o concello de Touro tería que ter executado parte dos traballos no pasado mes de outubro e outros no actual mes de novembro, pero a día de hoxe non só non se executou nada senón que a contratación dos traballos foi licitada incluso con posterioridade á data prevista de finalización, tal e como consta nos pregos de contratación.

O Movemento Veciñal de Touro entende que estas irregularidades van invalidar o proceso de contratación e con elo a perda dos fondos europeos para o Concello.

Para o Movemento Veciñal esta situación é a tónica do goberno municipal que leva instalado no Concello nos últimos trinta anos e esixe responsabilidades. A incompetencia do goberno condenou a Touro ao atraso e carencia de servizos que padece. Irregularidades como as descritas fixeron perder financiamento e demostran a incapacidade do Goberno para as xestións máis básicas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.