Celanova debaterá a retirada do símbolo falanxista do Outeiro da Obra á luz da nova lei de memoria

Os grupos socialista e nacionalista aceptaron levar á proposta do Comité de Memoria Histórica da Comarca ao próximo pleno ordinario.

Despois da aprobación da nova lei estatal de memoria, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicita á corporación municipal de Celanova que proceda á aplicación da norma e retire de maneira inmediata o memorial falanxista do Outeiro da Obra e da placa no edificio da antiga escola de Vilanova dos Infantes como símbolos contrarios á memoria democrática.

Nunha proposta de moción dirixida aos grupos que fan parte do pleno municipal, o Comité pide ademais que restitúa no rueiro e en toda a información e documentación pública oficial o topónimo Outeiro da Obra e cambie a sinaléctica do lugar, eliminando a denominación ‘Monte da Cruz’, contraria á memoria democrática.

O Comité apela ao disposto no Capítulo IV. Sección I da Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática que entrou en vigor o pasado mes de outubro.

Tamén volve reclamar o Comité protección para a pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro na Praza Maior, en canto elemento e lugar de memoria. O debate sobre a protección non puido celebrarse como estaba previsto no último pleno ordinario, e despois de que o Comité se tivera dirixido en varias ocasións á Alcaldía solicitando esa intervención. Durante algunhas semanas do pasado verán, o goberno local colocou un cartel coa lenda Non golpear o Mosteiro, mais desistiu desa medida despois de que o cartel desaparecese en dúas ocasións deixando a pintada sen protección.

AMPLA DOCUMENTACIÓN

Na proposta de moción, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lembra que o Informe nº1 que documenta a historia do símbolo falanxista do Outeiro da Obra está a disposición pública desde abril de 2021 [na web do Comité, na ligazón https://memoriacelanova.fala.gal/2021/04/04/informe-do-comite-sobre-o-simbolo-fascista-do-outeiro-da-obra/] e foi entregado aos grupos municipais despois dunha campaña de apoios que xuntou as firmas de máis de 1.600 persoas e colectivos, entre elas, todas as asociacións que traballan no ámbito da recuperación da memoria histórica no país así como os principais historiadores e historiadoras na materia, alén doutras personalidades destacadas no mundo académico, cultural e político galego. En maio de 2021, o Comité elevou a súa demanda en maio de 2021 ao Goberno do Estado, a través dunha entrevista co Subdelegado en Ourense. E o 16 de febreiro de 2022, un ano despois do inicio da campaña de apoios solicitou por vía administrativa a aplicación da lei de 2007 no Concello de Celanova. Nove meses despois, a única resposta que obtivemos foi o silencio administrativo.

O informe do Comité demostra que o levantamento dun monumento no Outeiro da Obra foi unha iniciativa da oficialidade da Bandera de Marruecos, unidade militar-falanxista de gornición nesta vila entre xullo e setembro de 1939. Esta unidade paramilitar é responsable directa dos únicos fusilamentos que tiveron lugar na Prisión Central de Celanova, deixando unha fonda pegada de terror entre a poboación e os presos. Durante a posguerra o entorno foi adaptado como escenario para actos con significado político organizados polo órganos do Movimiento, como a celebración do ‘Día dos Caídos’. Existe constancia da utilización de presos políticos como man de obra na construción do camiño de acceso ao monumento.

HUMILLACIÓN

O Comité considera que este legado foi asumido de xeito acrítico polas distintas corporacións municipais que se sucederon desde a Transición. Este memorial supón unha exaltación pública e visible do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana, a posterior guerra civil e a represión política durante a ditadura franquista polo que estaría inmerso na categoría de monumentos afectados pola actual Lei de Memoria Democrática como antes o estivo pola Lei de Memoria Histórica de 2007. Desde a súa inauguración supón unha humillación permanente das vítimas do franquismo e os seus familiares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.