Comezan os traballos de mellora en cinco estradas provinciais de Antas de Ulla

A Deputación de Lugo mellorará o firme e a seguridade viaria da LU-P-0304, que vai desde Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela; a LU-P-0305, que vai de Gradoi, na parroquia de Reboredo, ata Cruceiro, en Cutián; a LU-P-0301, que une Antas co límite da provincia de Pontevedra por Rodeiro; a LU-P-0302, que vai do núcleo de Antas ata Borraxeiros por Santa Mariña; e a LU-P-1809, que conecta Chantada con Antas

A Deputación de Lugo acaba de comezar esta semana obras de mellora do firme e a seguridade viaria en cinco estradas provinciais ao seu paso por Antas de Ulla nas que inviste máis de 300.000€.

Por unha banda, a institución mellora o firme de dúas estradas provinciais no concello de Antas por un importe conxunto de 269.822€. Son a LU-P-0304, que vai desde Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela, nun treito duns 4,5 quilómetros dende o inicio da vía; e a LU-P-0305, que vai de Gradoi, na parroquia de Reboredo, ata Cruceiro, en Cutián, nun tramo de 1,2 quilómetros. As obras, cun prazo de execución de un mes e dúas semanas, consisten en ambos casos na limpeza de laterais, drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización.

Por outra banda, a Deputación está desenvolvendo un proxecto de mellora da seguridade viaria doutras tres estradas cun investimento que supera os 30.000€. En concreto, actúa na LU-P-0301, que une Antas co límite da provincia de Pontevedra por Rodeiro, entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,390, onde se limpan as cunetas e se farán cunetas revestidas para mellorar o entronque con dúas vías municipais. Así mesmo, esténdese aglomerado en quente e despois pintaranse as marcas viais brancas e os pasos de cebra, á vez que se instalarán sinais de STOP e de indicación dos pasos de peóns. Logo, na LU-P-0302, que vai do núcleo de Antas ata Borraxeiros por Santa Mariña, no punto quilométrico 0,010; e no caso da LU-P-1809, que conecta Chantada con Antas, a Deputación acomete melloras no treito comprendido entre os puntos quilométricos 16,350 e 24,427. O prazo de execución é dun mes.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destas actuacións e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

A Deputación de Lugo destina este 2022 ao concello de Antas de Ulla máis de 2M€ a través de diferentes vías de actuación que melloran os servizos e calidade de vida dos veciños e veciñas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.