“Endaterra” de Xacarandaina pon en valor a arte inmaterial do Camiño Inglés fusionando danza, teatro e música tradicional

O grupo de música e baile tradicional remata o seu pase pola xeografía galega neste 2022, coa actuación deste sábado, 19 de novembro, en Culleredo, na que se bateu récord na venda de entradas, esgotándose en tan só dous días

O novo espectáculo de música, danza e teatro da agrupación Xacarandaina, “Endaterra”, remata o seu pase pola xeografía galega neste ano cunha actuación este sábado, 19 de novembro, en Culleredo, coas entradas esgotadas desde dous días despois de saír á venda. O espectáculo é un percorrido que une a cultura tradicional do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía, recollendo elementos dos 18 concellos polos que pasan estas dúas rutas.

Unha representación que fusiona baile tradicional, danza, música, teatro, imaxes ilustradas e paisaxe sonora. Un proxecto de gran formato que, ademais, conta cunha banda sonora única que foi composta en exclusiva para o espectáculo, e do que xa puideron gozar en cinco concellos máis (Santa Comba, Negreira, Dumbría, Oroso e Abegondo), alcanzando un éxito rotundo con cheos absolutos en todas elas.

O director do espectáculo, Quique Peón, mobiliza oitenta artistas en escena, entre músicos, corpo de baile e coros. Unha fusión sempre entendida desde a tradición máis enxebre e pura, gardando un equilibrio entre o escénico e o etnográfico, que vai situando ao espectador nun percorrido de emocións. Unha experiencia sonora e visual que busca transportar aos asistentes a diferentes espazos do Camiño Inglés.

Este traballo de máis corenta anos na investigación, recuperación, interpretación e transmisión do floclore galego da agrupación cultural Xacarandaina, foi recoñecido o pasado mes de outubro co Premio da Cultura Galega na categoría de patrimonio cultural. O xurado recoñeceu á asociación como referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego a través de traballos de campo progresivos ao longo de catro décadas e que serviron para recuperar miles de repertorios de músicas, coplas e danzas. Unha mostra da gran pegada que Xacarandaina deixa no público coa difusión do patrimonio inmaterial que tan rico fai a Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.